Melchor, Gaspar e Baltasar participaron nun percorrido polas parroquias e na tradicional cabalgata
A ilusión notábase en cada recuncho de Ribeira neste 5 de xaneiro coa visita dos Reis Magos ao municipio; unha estadía que se prolongou durante todo o día. Melchor, Gaspar e Baltasar percorreron durante toda a mañá e primeiras horas da tarde as parroquias a bordo dun autobús histórico dos anos 50. Así, a rapazada tivo ocasión de facer peticións de última hora e recibir o agarimo das Súas Maxestades os Reis Magos do Oriente, caramelos e bolas con sorpresa. Ademais, houbo oito sorteos de agasallos, un por parroquia, entre o público congregado. Especial foi tamén a visita ao Hospital da Barbanza, onde saudaron aos nenos e nenas, pero tamén aos adultos, alí ingresados por estas datas para achegarlles a ledicia desta xornada e facerlles máis lixeira a súa estadía no complexo hospitalario.
Xa pola tarde, a alcaldesa, María Sampedro, e demais autoridades municipais deron formalmente a benvida a Melchor, Gaspar e Baltasar na súa chegada ao centro da cidade polo mar en dornas da man da Real e Ilustre Cofradía da Dorna. Despois desprazáronse a pé ata a rúa de Canarias para iniciar a tradicional cabalgata polo centro urbano; unha cabalgata inclusiva coa colaboración da Asociación Galega para o Acompañamento Persoal e Educativo (Ágape), durante a que se repartiron dúas toneladas de caramelos sen glute.
A comitiva estivo integrada por un total de seis carrozas (unha por cada Rei Mago, a Estrela de Belén, o Carteiro Real e unha de
temática mariñeira) e o acompañamento de Gaitas Os Castros de Ames, Culturactiva Cisnes Boneca Lareta, Charanga Gárgolas, Banda de Música de Ferrol, Troula Animación e Charanga BB+. A maiores, unhas 200 persoas implicáronse no operativo para que a cabalgase se desenvolvese correctamente, entre elas, voluntarias de ICE Renovación.
Unhas das novidades do itinerario deste ano foi a incorporación da zona das Abesadas.
Chegados á praza do Concello, renderon tributo ao Neno Xesús no Belén vivinte instalado pola Asociación Alfaia, pronunciaron o seu discurso e volveron recibir aos máis pequenos da casa antes de comezar pola noite o traxecto polos fogares para deixar os agasallos cos que espertar na mañá do Día de Reis.
Ademais, sorteáronse tres súper obsequios entre as rifas que repartiu o Carteiro Real nas parroquias e no Recuncho do Nadal durante estas datas, así como fixo Papá Noel e o Apalpador.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.