A alcaldesa, Inés Rey, agradeceulle a implicación ás 200 persoas que integraron o dispositivo especial do evento e o traballo coordinado das distintas áreas municipais
A tradicional Cabalgata de Reis percorreu esta tarde as rúas da cidade da Coruña, nunha das citas máis multitudinarias e agardadas da programación do Nadal. En total, foron máis de 125.000 persoas as que saíron ás rúas para seguir a cita. O desfile deu comezo ás 17.30 horas na rúa Revolución Francesa, no barrio de Vioño, e rematou na praza de María Pita, tras completar un percorrido de aproximadamente 4,4 quilómetros por distintos barrios da cidade.
O Concello despregou un amplo dispositivo de seguridade e organización, integrado por máis de 200 profesionais, que velaron polo correcto desenvolvemento da celebración ao longo de todo o trazado e nas rúas adxacentes. A comitiva real avanzou pola rúa Igualdade, rolda de Outeiro, Alcalde Pérez Ardá, avenida Santiago Rey Fernández-Latorre, Catro Camiños, Costa da Palloza, Primo de Rivera, Linares Rivas, Cantón Grande, a Marina, Montoto, Porta Real e María Barbeito, ata a súa chegada á praza de María Pita.
Ao longo do percorrido estableceuse un dispositivo especial de tráfico que permitiu minimizar as afeccións á mobilidade urbana. Ademais, habilitáronse catro puntos de asistencia sanitaria, incluíndo unha ambulancia medicalizada, situados en Pérez Ardá, Primo de Rivera, praza de Ourense, Manuel Casás e María Pita.
A chegada á praza de María Pita estivo acompañada de actuacións musicais previas co espectáculo de Pulpiño Viascón. Desde o balcón do Palacio Municipal, Melchor dirixiuse ás nenas e nenos: “Pequenos e pequenas, sodes a luz que ilumina esta cidade”, afirmou, destacando que a infancia ensina cada día aos adultos a mirar o mundo dunha forma máis alegre.
A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor o traballo coordinado das distintas áreas municipais implicadas para garantir que a Cabalgata se desenvolvese con normalidade e seguridade, permitindo que milleiros de familias gozasen dun dos días máis especiais do Nadal.
Unha cabalgata máis diversa e inclusiva
A edición deste ano destacou polo reforzo das medidas de diversidade e inclusión, co obxectivo de garantir unha celebración accesible para todas as persoas. Mantivéronse as zonas accesibles para persoas con mobilidade reducida e os espazos sen ruído destinados a persoas con hipersensibilidade auditiva.
Como novidade, no Teatro Colón habilitouse un servizo de préstamo de cascos de redución de ruído, en colaboración coa entidade ENKI, facilitando que nenas e nenos con trastorno do espectro do autismo ou dificultades no procesamento sensorial puidesen gozar plenamente da cabalgata. Así mesmo, a cidadanía contou cun mapa interactivo do percorrido, dispoñible na web municipal e ilustrado con pictogramas, que permitiu anticipar o trazado do desfile.
A comitiva de Reis Magos, en datos
A comitiva, cunha temática vinculada ao eclipse solar que terá lugar en agosto, estivo formada por 13 vehículos, incluíndo as tres carrozas dos Reis Magos, outras tres municipais e sete de entidades colaboradoras, acompañadas por seis trens, un deles solidario. Por primeira vez, a Cabalgata contou cun tren da Policía Local, que se incorporou ao desfile como novidade desta edición.
Noutro dos trens participaron nenos e nenas do CEIP San Francisco Xabier, da clase 5ºA, como parte dun dos premios obtidos por Darío Martín Sarmiento, gañador do concurso de postais de Nadal deste ano.
O desfile estivo amenizado pola participación de 16 compañías artísticas, con 170 persoas, que repartiron 7,5 toneladas de caramelos brandos e sen glute. En total, máis de 1.200 persoas participaron na cabalgata, entre figurantes, persoal de organización, auxiliares de acompañamento e integrantes da comitiva real.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.