Thursday 08 de January de 2026

Os Reis Magos reciben a máis de 120 nenos e nenas na Casa a Cultura de Lousame


Algo máis de 120 nenos e nenas acudiron esta mañá á recepción de Reis organizada polo Concello de Lousame. Tras a elevada participación rexistrada no Festival de Reis da tarde do domingo, que encheu de xogos, inchables e chocolate con churros o polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra; esta mañá a festa moi moito máis tranquila, xa que as Súas Maxestades recibiron no auditorio da Casa da Cultura durante cinco minutos a todas as familias que reservaron a súa entrada.

Así, entre as 10:30 e as 14:00 horas, cativada e persoas adultas puideron parolar un anaco con Melchor, Gaspar e Baltasar. Nun escenario adornado para a ocasión con moitas luces e motivos de Nadal, os pequenos aproveitaron para lembrarlles os seus desexos para esta noite. Mentres papás e mamás non deixaban de tirar fotografías dos pequenos co seu Rei Mago favorito, os pequenos desfrutaban das lambonadas que lles acababan de agasallar.

O acto contou coa asistencia do alcalde, Esteban Ares, acompañado polas concelleiras de Cultura, Silvia Agrafojo; e Deportes, Mariel Agrafojo. O alcalde aproveitou para agradecer “a gran participación veciñal tanto no Festival de Reis de onte como nesta Recepción de hoxe na que, por primeira vez e dando resposta á petición realizada por algunhas familias, contamos tamén cun horario especial sen música ambiente e con menos intensidade lumínica para favorecer a participación de crianzas con necesidades especiais ou trastorno do espectro autista”.

Deja un comentario