O Concello de Neda vén de pechar a visita o luns dos Reis Magos de Oriente á localidade. Tal e como se fixo con Papá Noel, a cabalgata arrincará na sobremesa, con breves paradas en puntos estratéxicos do municipio para que os nenos e nenas poidan saudar ás Súas Maxestades e, ao rematar o percorrido, haberá unha recepción máis repousada.
Melchor, Gaspar e Baltasar contarán o 5 de xaneiro cunha apertada axenda en Neda. Unha vez recollida a correspondencia do buzón real, situado na biblioteca municipal, visitarán acompañados dos seus paxes boa parte da localidade. Unha visita coa que localizarán os fogares aos que se achegarán horas despois para deixar os seus regalos. Será un itinerario no que se sucederán as quedadas cos nenos e as nenas do municipio.
Así, os Reis Magos farán unha primeira parada na pista polideportiva do Roxal, ás 15:15 horas. Serán só uns minutos nos que os nenos e nenas que estean esperando poderán saudar ao seu rei favorito e inmortalizar o encontro cunha foto.
Haberá quedadas similares xunto ao local social de Viladonelle (16:00 h), local social de Anca (16:30 h), Albarón (17:00 h), Xuvia (17:30 h), Puntal (18:00 h). Finalmente, ás 18:30 horas, haberá unha última oportunidade para deixarlles en man as cartas coas peticións de agasallos. Será na recepción prevista na Casa das Palmeiras. Un encontro no que non faltará o habitual chocolate con churros ben quentiño.
Durante toda a xornada, os Reis Magos estarán acompañados pola Agrupación de voluntarios de Protección Civil, a quen o Concello agradece a súa implicación para que saia todo ben durante a visita das Súas Maxestades.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.