O concurso puxo en valor a creatividade da veciñanza e do comercio local durante o Nadal
Os premios entregaranse o 5 de xaneiro, ao remate da Cabalgata de Reis
O Concello de Fene vén de facer público o fallo do xurado do II Certame de Decoración de Nadal, unha iniciativa posta en marcha para fomentar a participación da veciñanza, encher de ambiente festivo as rúas do municipio e dinamizar o comercio local durante as festas.
Na modalidade de vivenda unifamiliar, a proposta gañadora foi a presentada por Lorena Breijo González, de Barallobre, pola súa creatividade, coidado estético e integración da iluminación no conxunto da vivenda.
Na modalidade de fachadas, balcóns e xanelas, o premio recaeu en Mª del Carmen, de Sillobre, quen tamén resultou gañadora na modalidade de portais, destacando pola orixinalidade e o uso de materiais.
O xurado acordou ademais conceder unha mención especial a Ángela Reis Raimunde, de San Valentín, en recoñecemento á tradición, ao esforzo e á singularidade da súa decoración.
No certame de escaparates de Nadal, o establecemento gañador foi El Baúl de Bego, unha proposta que destacou de maneira sobresaínte en todos os aspectos avaliados: orixinalidade, esforzo, espírito do Nadal, uso de materiais reciclados e iluminación.
As persoas integrantes dos dous xurados valoraron criterios como a creatividade e orixinalidade, a iluminación, o uso de materiais reciclados e a composición baseada na tradición popular.
Os premios, consistentes en cestas de produtos achegadas por establecementos colaboradores e no recoñecemento público ás propostas gañadoras, serán entregados o luns 5 de xaneiro, ao remate da Cabalgata de Reis.
Balance moi positivo da Festa de Ano Novo
Desde o Concello tamén se quixo facer un balance moi positivo da Festa de Ano Novo, celebrada na Praza do Alcalde Ramón José Souto González, que contou cunha ampla asistencia de público. A concelleira de promoción económica, Ángeles Coira, destacou que “foi unha noite con moitísima participación, cun ambiente excelente, moito civismo e unha resposta moi boa da veciñanza e das persoas que se achegaron a Fene para recibir o ano”.
Coira subliñou tamén que “a hostalaría estivo chea durante toda a madrugada e a orquestra conseguiu manter a praza animada ata o final, o que confirma que este tipo de eventos contribúen a dinamizar Fene e a reforzar o carácter aberto e acolledor do concello”.
O Concello de Fene agradece a participación de todas as persoas e establecementos que tomaron parte nos concursos de Nadal e anima a seguir colaborando nas actividades municipais que se organizarán ao longo do ano.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.