Friday 22 de November de 2024

Igualdade destina 1.777.500 euros a 60 entidades sociais que apoian a mulleres en situación de especial vulnerabilidade


As beneficiarias destas axudas serán anciáns soas, mulleres con discapacidade, inmigrantes, vítimas de violencia de xénero e mulleres xestantes e lactantes

A Secretaría Xeral da Igualdade publica hoxe no DOG a resolución das axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas específicos dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, así como programas de apoio a mulleres xestantes e lactantes.

En total, destínanse 1.177.500 euros -cofinanciados polo Fondo Social Europeo- a 60 entidades. Destas, 28 son da provincia da Coruña, cunha contía total de 881.856,66 euros; 12 da provincia de Pontevedra, con 419.671,18 euros; 10 de Lugo, que obteñen 296.259,16 euros; e outras 10 entidades da provincia de Ourense, que recibirán 179.713,18 euros.

Con estas axudas apóianse programas de recursos integrais para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, a través dunha atención psicolóxica personalizada e especializada, asesoramento xurídico, mediación intercultural, adquisición de habilidades persoais e sociais e apoio e orientación laboral para a mellora da súa empregabilidade. Tamén subvencionase o desenvolvemento de recursos integrais específicos para mulleres xestantes e/ou lactantes con fillas/os menores de tres anos, que conteñan actuacións de información, asesoramento, acompañamento social ou orientación, entre outras.

Os colectivos beneficiarios dos programas desenvolvidos ao abeiro desta convocatoria son grupos de mulleres en situación de especial vulnerabilidade; mulleres en situación de risco ou en proceso de exclusión social, tales como reclusas ou drogodependentes; mulleres en situación de especial protección, como anciáns soas, mulleres con discapacidade, inmigrantes ou pertencentes a minorías étnicas; vítimas de violencia de xénero, desempregadas e mulleres que viven mo medio rural en zonas pouco poboadas.

Atenderanse a máis 4.000 mulleres
Segundo a previsión das entidades de iniciativa social beneficiarias, atenderanse a máis de 4.000 mulleres, fundamentalmente a través de programas relacionados coa atención a vítimas de violencia de xénero, programas de apoio a mulleres con discapacidade, de acompañamento a mulleres xestantes e lactantes, programas para favorecer a inserción laboral de reclusas e ex-reclusas, de acompañamento a mulleres inmigrantes, entre outros.