A iniciativa ten como obxectivo promover a formación para o emprego de mulleres, demandantes de emprego e residentes en calquera dos concellos participantes
Intelixencia artificial e Big Data, limpeza industrial, comercio e loxística, cociña, agricultura ecolóxica, xestión de comunidades virtuais ou soldadura. Son algún dos contidos sobre os que xirarán as distintas acción de formación para o emprego previstas no Programa Integrado de Emprego 2025-26 que promove a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol co finanzamento da Xunta de Galicia e do Servicio Público de Empleo Estatal.
O PIE vai dirixido a mulleres en situación de desemprego inscritas na Oficina de Emprego e con residencia en calquera dos concellos participantes: Ares, Cedeira, Cabanas, Fene, Mugardos, Narón, Neda ou Valdoviño. Ten unha duración de 12 meses e o seu obxectivo principal é achegar ferramentas ás participantes para mellorar a súa empregabilidade e lograr a inserción laboral.
Con esta finalidade, conxugaranse accións individuais co persoal técnico do programa (orientación laboral, asesoramento, información, itinerarios personalizados de inserción…) con accións formativas, tanto transversais como específicas para o emprego.
Así, algunhas das actividades previstas son: cursos de técnicas de busca de emprego, de habelencias sociais, alfabetización informática, internet, redes sociais e dispositivos dixitais, conversa de Inglés, fomento da capacidade emprendedora, técnicas de coaching e intelixencia emocional, técnicas de motivación para a busca de emprego e mobilidade laboral.
En canto á formación específica para o emprego, estará estruturada en seis itinerarios: NTICS (Intelixencia artificial e Big Data); construción naval (coldadura, PRL, xestión medioambiental no sector naval); limpeza industrial; cociña; comercio e loxística e agricultura ecolóxica. Esta formación inclúe, ademais do traballo de aulas, a realización de prácticas profesionais non laborais en empresas da contorna.
O programa contará, ademais, con medidas de apoio á conciliación familiar, persoal e laboral, para facilitar a participación de todas aquelas usuarias que teñan persoas maiores ou menores a cargo.
Así mesmo, terán dereito a percibir unha bolsa de 10€ por día de asistencia ás accións do programa.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.