Wednesday 07 de January de 2026

O cambrés Diego Ruiz gaña a IV San Silvestre de Neda


As previsións cumpríronse e o Roxal acollía esta mañá a San Silvestre de Neda más concorrida. Preto de 350 atletas decidiron despedir o ano correndo co mellor ambiente festivo na cuarta edición desta carreira popular na que non faltaron os atavíos de Nadal. O cambrés Diego Ruiz Breijo fíxose coa vitoria na proba absoluta. Entre as mulleres, o triunfo foi para a fenesa Sofía Barcia Mejía.
A competición arrincaba ás 10 hora desta solleira, aínda que xélida, mañá do 31 de decembro, coa carreira infantil no circuíto de 700 metros deseñado na contorna da pista polideportiva do Roxal. Tras ela, a carreira xuvenil (dúas voltas ao circuíto) caldeaba o ambiente antes do inicio da multitudinaria proba absoluta, na que competían atletas de oito categorías (dende sub 18 ata Master 4) cun percorrido sobre asfalto de 5,4 km que se estendería á beira do río Belelle ata as inmediacións da Fervenza.
Un itinerario que Diego Ruiz, do Nosportlimit cubriu nun tempo de 00:16:30. Foi segundo o nedense Eloy Breogán Villanueva, do AD Náutico Narón, que cruzaba a liña de meta só trece segundos despois; e a terceira posición foi para Pedro Pita. A clasificación feminina liderouna a sénior fenesa Sofía Barcia (00:19:32), facendo Tania López do Atletismo Narón o segundo mellor tempo, e Leticia Figueira, do Brutanzos Team, o terceiro. Os resultados ao detalle poden consultarse na web carreirasgalegas.com
O acto de entrega de trofeos, tres por categoría masculina e feminina, contou coa participación das concelleiras delegadas de Deportes, Cultura e Sanidade, do concelleiro delegado de Urbanismo e Medio Ambiente e cun dos edís populares. A cita deportiva, incluída no calendario da Federación Galega de Atletismo e no XI Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña, contou, un ano máis, coa axuda prestada polos voluntarios da agrupación de Protección Civil de Neda.

Deja un comentario