Friday 02 de January de 2026

O BNG apoia persoal de limpeza do Hospital da Barbanza e denuncia a negativa da Xunta a escoitar as súas reivindicacións


“O conflito do Hospital do Barbanza exemplifica a mala xestión da sanidade pública do Partido Popular” denuncia Pérez Barral

O Bloque Nacionalista Galego volveu estar este martes ao carón do persoal de limpeza do Hospital do Barbanza, que se concentrou diante do centro hospitalario para reclamar a equiparación das súas condicións laborais e salariais coas das súas compañeiras doutros hospitais do SERGAS. Na protesta participaron o portavoz do BNG e exalcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, o responsable local en Ribeira, Rafa Pazos, a concelleira Veva Betanzos, o portavoz en Porto do Son, Balbino González, así como outros membros da organización nacionalista.

Desde o BNG denuncian que, malia meses de mobilizacións, escritos formais e chamadas ao diálogo, a Consellería de Sanidade continúa negándose a recibir estas traballadoras, que o único que reclaman é “igual traballo, igual salario” e o remate dunha discriminación laboral que consideran inxusta e intolerable.

“É inaceptábel que a Consellería de Sanidade siga dándolles as costas a estas mulleres, que realizan un traballo esencial para o funcionamento do hospital e para a seguridade da atención sanitaria”, afirmou Luís Pérez Barral. “Estamos a falar de profesionais que garanten a hixiene, a salubridade e o bo estado das instalacións, e que cobran menos ca noutras áreas polo mesmo traballo. Isto chámase discriminación e o PP está permitindo que continúe”.

Pérez Barral recriminou tamén a actitude do Partido Popular, que “prefire mirar para outro lado antes que sentarse a dialogar e buscar unha solución xusta. “Non se pode falar de sanidade pública de calidade mentres se precariza ao persoal, se deterioran os seus dereitos laborais e se mantén unha política de desprezo cara quen sostén os servizos públicos”, engadiu.

“Se o conselleiro de Sanidade segue sen recibir a estas mulleres e sen dar unha solución xusta, o seguinte paso pode ser unha folga indefinida que afectará ao funcionamento do hospital”, advertiu Luís Pérez Barral.

Desde o BNG enmarcan este conflito nunha mala xestión xeral da sanidade pública por parte do Partido Popular, que se traduce en listas de espera excesivas, falta de recursos, deterioro das condicións laborais e unha progresiva precarización dos servizos públicos. “O que está a pasar co persoal de limpeza do Hospital do Barbanza é un exemplo máis do modelo do PP: recortes, externalizacións, desigualdades e perda de dereitos”, sinalou o portavoz nacionalista.

“O persoal sanitario e non sanitario merece respecto, condicións dignas e estabilidade. Sen iso non pode haber unha sanidade pública forte nin unha calidade asistencial aos doentes”, concluíu Pérez Barral, reiterando o compromiso do BNG de seguir apoiando as mobilizacións e de trasladar estas reivindicacións a todas as instancias políticas necesarias ata que se produza unha solución real.

O BNG esixe á Consellería de Sanidade e á Dirección do SERGAS que rectifiquen, convoquen unha reunión co persoal de limpeza do Hospital do Barbanza e garantan a equiparación plena das súas condicións laborais e salariais co resto da área sanitaria.

Deja un comentario