Tres probas disputaranse nas dúas primeiras semanas de xaneiro
O Concello de Ribeira arranca o ano a nivel deportivo con tres citas co xadrez na Casa da Xuventude.
Dunha banda terá lugar o Torneo de Xadrez de Nadal no sábado, 3 de xaneiro, de 11.00 a 14.00 horas, seguindo o sistema suízo a seis roldas. Haberá trofeos para os tres primeiros/as clasificados/as, tres primeiros/as clasificados/as locais, e para o ouro nas categorías sub12, sub-10 e sub-8. As inscricións formalizaranse no enderezo electrónico xadrezbretema@gmail.com.
Ademais, disputaranse os Campionatos Provinciais da Coruña. O domingo, 4 de xaneiro, estará dedicado ás modalidades sub-8 e sub12, mentres que no domingo, 11 de xaneiro, será a quenda da sub-14 e sub-16. Desenvolveranse en horario de mañá e de tarde. Ambas xornadas seguirán o sistema suízo, se ben a primeira será en seis roldas e a segunda en cinco. As bases están dispoñibles en www.fegaxa.org.
Para o concelleiro de Deportes, Álex Vidal, estes novos eventos “son unha proba do apoio que brinda a Administración local ribeirense ás diferentes disciplinas deportivas. En dúas semanas teremos no noso municipio un torneo con motivo da época do Nadal e uns
campionatos provinciais. Preséntase un inicio de ano protagonizado polo xadrez e, dende o Concello, ratificamos o noso compromiso de seguir fomentando unha disciplina profundamente vencellada á aplicación de tácticas e á capacidade estratéxica.”
E nestes tres eventos “tamén é protagonista a rapazada ao ser a principal destinataria, pois estamos falando de categorías menores.
Ademais, terán lugar na Casa da Xuventude, para tamén continuar dinamizando este espazo e convertelo en punto de encontro para a xente moza do noso municipio con diferentes actividades, se ben tamén convidamos a que nos fagan as súas aportacións con alternativas de ocio que sexan do seu interese”, en palabras da edil de Xuventude, Carmen Pérez.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.