O gañador da edición de 2024, César Carracedo, foi segundo cunha imaxe nocturna da Capela de San Sebastián, e Sojhayla Mendieta foi terceira cunha imaxe dun xeneral contemplando o Pico Sacro
“Reflexos da Ponte”, unha fermosa imaxe da ponte de Ponte Ledesma e o seu reflexo na auga e nunha esfera, do fotógrafo Fernando Lueiro Balado foi a gañadora da undécima edición do Concurso de Fotografía “Imaxes de Boqueixón”. A súa proposta foi escollida polo xurado de entre as 71 fotografías presentadas a concurso, dúas máis ca na edición anterior. Lueiro Balado xa gañara a edición de 2023 con outra imaxe súa das Illas de Gres, daquela presentando unha fotografía aérea. Ademais, a súa segunda proposta quedou en cuarta posición e forma parte do calendario 2026 do Concello de Boqueixón.
Completaron o podio o xornalista César Carracedo Pose, gañador da edición de 2024, con “Ofrenda nocturna”, unha sorprendente imaxe nocturna da Capela de San Sebastián ao pé do Pico Sacro na que destaca a contraste entre a luz vermella das candeas fronte ao negro estrelado do ceo; e Sojhayla Mendieta Celedón, veciña de Boqueixón, con “Esperando o Entroido”, unha fotografía dun xeneral da Ulla de costas contemplando o Pico Sacro.
As festas, protagonistas
O concelleiro de Obras, Manuel Fernández Munín, foi o encargado de entregarlles os premios: vales de compra en calquera establecemento do municipio por un importe de 200, 150 e 50 euros, respectivamente. Así mesmo, agasallounos con varios exemplares do Calendario 2026, que recollen as súas tres imaxes canda as outras nove mellor puntuadas do certame e que chegará de balde a todas as vivendas do municipio nos próximos días.
O xurado do concurso, composto por Antonio Vázquez Fernández, director do xornal Bisbarra; José Alberto Pedrido Guldrís, de Pedrido Fotografía; Carlos Suárez, xornalista da axencia Nós Comunicación; e Rosario Iglesias, técnica municipal de Cultura (con voz e sen voto), elixiron as tres imaxes gañadoras do certame e as 12 integrantes do calendario de acordo a criterios de calidade técnica, composición, impacto visual, mensaxe transmitida, creatividade e dificultade.
Unha das novidades do certame, a posibilidade de presentar imaxes de celebracións e festas representativas de Boqueixón, foi ben recibida xa que ata unha decena de fotos correspondéronse coas tres festas de interese turístico existentes no municipio: o Entroido de Sergude, a Festa da Filloa de Lestedo e as Carrozas do San Cidre do Oural. Todas elas están representadas no almanaque deste ano.



