Friday 02 de January de 2026

A Gala Manicómicos celebra 22 anos de traxectoria no Teatro Rosalía Castro o 3 de xaneiro


A entrada será gratuíta, ata completar a capacidade do recinto

A Asociación Cultural Manicómicos celebrará o seu 22 aniversario coa Gala Manicómicos, que terá lugar o venres 3 de xaneiro, ás 19.00 horas, no Teatro Rosalía Castro, con entrada de balde, ata completar a capacidade do recinto.

O evento, que conta desde os seus inicios coa colaboración do Concello, será unha festa aberta á cidadanía para conmemorar máis de dúas décadas de compromiso coa creación, a formación e a difusión das artes escénicas e da comedia. “O sector cultural da cidade é diverso e está cheo de talento; por iso desde o Goberno de Inés Rey apostamos por visibilizalo e levámolo aos principais escenarios da Coruña”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

A gala reunirá unha selección coidada de números de circo e artes escénicas, en que se combinarán artistas profesionais cunha ampla mostra do traballo desenvolto polo alumnado de Manicómicos ao longo do curso. O espectáculo contará coa actuación da aerialista Sue Moreno; a presentación será da man do carismático pallaso El Gran Rufus e completarase coa participación do malabarista Fran Boza, entre outros. Xunto a eles, o alumnado da asociación terá un papel protagonista sobre o escenario.

A Asociación Cultural Manicómicos nace en xaneiro de 2004 na Coruña, promovida por un grupo de persoas con distintos niveis de experiencia nas artes escénicas e cun interese común: investigar, estudar e difundir as artes escénicas e a comedia. Dende os seus inicios, a entidade desenvolve un intenso labor formativo e cultural e aposta pola creación dun espazo de aprendizaxe, experimentación e encontro arredor do teatro, o circo e o humor.

Entre os seus principais obxectivos, atópanse a organización de cursos formativos tanto para persoas asociadas como para a cidadanía en xeral, que contribúen a un mellor coñecemento das distintas técnicas actorais e escénicas. Ademais, Manicómicos impulsa un festival de teatro cómico de carácter anual na cidade, no que conviven propostas de novas creadoras e creadores galegos xunto a primeiras figuras do panorama cómico internacional, que tamén imparten formación especializada durante o propio festival.

Deja un comentario