Monday 29 de December de 2025

O Grupo Socialista apoia no Pleno o pago das facturas ás familias e empresas de Compostela e esixe altura de miras e coherencia ao resto da corporación


A concelleira socialista Marta Abal defende dar saída aos expedientes pendentes para garantir seguridade xurídica e económica ás empresas que traballan co Concello.

O Grupo Municipal Socialista apoiou no Pleno municipal extraordinario celebrado hoxe a aprobación dos recoñecementos extraxudiciais de crédito que permiten facer efectivo o pagamento a 93 pequenos provedores do Concello de Santiago por servizos xa realizados, por un importe superior a 366.000 euros.
“Como xa viñemos dicindo durante todos estes meses, non se pode dar unha bofetada ao goberno na cara das proveedoras e provedores do Concello de Santiago de Compostela”, afirmou a concelleira socialista Marta Abal.
O respaldo do Grupo Municipal Socialista responde á coherencia mantida dende o inicio do mandato de Goretti Sanmartín e á necesidade de evitar que a falta de acordo político siga tendo consecuencias económicas sobre empresas e autónomos que traballan co Concello.
“Hoxe o Grupo Municipal Socialista, en coherencia co que vén facendo dende principios de mandato, votou a favor dos recoñecementos extraxudiciais de crédito que se someteron a consideración do Pleno”, sinalou Abal.
Desde o Grupo Municipal Socialista amosan a súa discrepancia coa actitude do resto da oposición. “Non se entende o voto obstructionista do resto da oposición, voto que a quen prexudica única e exclusivamente é ás proveedoras e provedores do Concello e ao conxunto da cidadanía de Santiago”, concluíu Marta Abal.

Deja un comentario