O Pleno da Corporación Municipal aprobou este luns o pagamento de 93 facturas de 64 pequenos e medianos provedores (autónomos e autónomas, microempresas, pemes, cooperativas e asociacións) que suman 366.580,55 euros.
A maioría son facturas de menos de 1.000,00 euros (38) correspondentes a gastos de pouca entidade para os que non existe contrato como son consumo de gas de dependencias municipais, subministración en que se está traballando para licitar un contrato de eficiencia enerxética, ou lavado de coches que tamén está en proceso de preparación para a súa contratación.
De entre 1.000,00 e 5.000,00 euros, hai un total de 28, que tamén afectan a algún consumo de gasóleo de dependencias municipais, as cales, igualmente, quedarán cubertas co novo contrato de eficiencia enerxética. Tamén aparecen actividades formativas ou mantemento dalgún software e equipamento do servizo de extinción de incendios.
Hai outras 15 facturas de entre 5.000,00 e 10.000,00 euros, correspondentes con cursos de formación para o persoal municipal e para o servizo de extinción de incendios, así como diverso material deste servizo.
De entre 10.000,00 e 15.000,00 euros contabilízanse sete, que tamén teñen que ver con actividades formativas para o persoal municipal e o servizo de prevención de incendios.
E finalmente, aparecen cinco de 15.000,00 e 20,000,00 euros para gastos de mantemento dalgunha aplicación informática, do material do servizo de extinción de incendios e algunha campaña de natal do departamento de promoción económica.
Na súa intervención, o concelleiro de Facenda, Manuel César Vila, defendeu a importancia de pagar todas as facturas de todas as entidades que prestaron un servizo ao Concello e subliñou que os informes que acompañaron este expediente avalan a aprobación.
Facturas de Viaqua
Por outra parte, non foi aprobado un segundo punto do expediente correspondente cun monto de 992.385 euros que se adebedan a Viaqua. No pleno, o concelleiro de Facenda presentou os argumentos que avalaban a votación favorable apoiándose por informes da Secretaría do Pleno, da Coordinación Xeral, do departamento de Servizos Básicos e da Oficina de Xestión Orzamentaria.
Segundo o informe da Secretaría do Pleno, que respondeu a unha petición previa do Grupo Popular, no dereito administrativo español rexe a norma de que prevalece o contigo sobre o título e, aínda que ningún dos documentos que acompañan ao expediente de crédito está titulado como ‘memoria xustificativa’, a Intervención Xeral considera que ese valor xustificativo reside no informe que, pola súa parte, emitiron o 14 de novembro a Coordinación Xeral e a Concellaría Delegada de Sustentabilidade Ambiental e Servizos Básicos. A Intervención Xeral especifica, de feito, que “en termos xerais se axusta ao contido mínimo esixido polas bases de execución orzamentaria”.
En canto á aplicación das cláusulas do contrato extinguido está avalado por todos os informes emitidos polos distintos departamentos. Así, o propio informe da Secretaría do Pleno remite ao informe emitido o 14 de novembro pola Coordinación Xeral e a Concellaría Delegada de Sustentabilidade Ambiental e Servizos Básicos no que se sinala que “os prezos facturados son correctos e adecuados ao mercado e ás condicións acordadas no seu momento”. E neste sentido, a Oficina de Xestión Orzamentaria emitiu tamén un informe o 23 de decembro no que conclúe que “o premio de cobranza establecido por Viaqua, fixado no 3% o importe do total cobrado pola xestión da taxa de recollida de lixo, é un prezo que se axusta a prezos de mercado”.
Finalmente, sobre a procedencia de aboar beneficios inherentes á prestación dun contrato oneroso, o informe da Secretartía conclúe que o principio de indemnidade que aplica en materia de enriquecemento inxusto, de entrada, excluiría a integración no importe da indemnización do beneficio industrial ou aqueloutros conceptos que excedesen do que é o custo real e efectivo das prestacións executadas. Non obstante, a valoración das circunstancias concorrentes en cada caso e, especialmente, a boa fe e a inexistencia de dolo ou culpa do provedor, habilitarían para que se incluíse o beneficio industrial ou conceptos semellantes na indemnización a outorgar, a fin de que o empresario percibise o unha indemnización axustada ao prezo de mercado.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.