A iniciativa foi presentada pola alcaldesa, Inés Rey, e conta coa participación das principais agrupacións musicais da Coruña
O proxecto educativo Chorus chegará ao seu punto culminante coa celebración do seu Concerto pola Paz o próximo domingo 11 de xaneiro no Coliseum.
Esta iniciativa inclúe a participación de centos de alumnos e profesores de música, ademais de agrupacións instrumentais de altísimo nivel como a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Orquestra Joven, o Coro Joven da OSG, o Coro Infantil do Conservatorio Profesional, o Coro MiniGaos, o Coro Gaos Novo e o Coro Gaos. Ademais, a cita será a primeira colaboración pública de gran calado das dúas formacións orquestrais da OSG no ano que comeza.
Súmanse a este traballo coral e orquestral distintos e recoñecidos cantantes que queren agradecer o esforzo e o compromiso dos escolares coruñeses no seu canto pola Paz como Rosa Cedrón, Carolina Rubirosa, Gandy, Carlos Tojeiro, Eva B e Tinho.
O concerto inclúe a recollida solidaria de material escolar, nas portas de acceso ao Coliseum, para a “Escola Coruña” de Senegal: lapis, gomas de borrar, afialapis, libretas, lapis de cores, regras, escuadras e cartabóns, coordinada por Ecodesarrollo Gaia.
A entrada ao Coliseum será libre, ata completar aforo, o próximo 11 de xaneiro, domingo, a partir das 18.00 horas, para empezar o concerto ás 19:00h.
O repertorio que se interpretará contará con pezas de películas de Disney (Hércules, 101 Dálmatas, Toy Story, O Rei León, Frozen…), e The Greatest Showman, así como versións de cancións de artistas internacionais como Michael Jackson, Lionel Ritchie ou Coldplay.
A alcaldesa Inés Rey definiu este concerto como “a representación viva do modelo de cidade que defendemos. Unha Coruña solidaria que educa, que coida e que avanza dende un ambicioso proxecto educativo: a creación do maior coro infantil e xuvenil para ofrecerlle ao mundo a mensaxe clara de que A Coruña canta pola Paz”. Na presentación, a rexedora estivo acompañada polo concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego.
O proxecto Chorus conta coa colaboración de diferentes entidades e empresas coruñesas, como Marineda City, Gadisa, Bonilla e Cabreiroá, que apoian á produción e colaboran coa atención aos artistas e escolares participantes na función.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.