Monday 29 de December de 2025

Luz verde aos Orzamentos Municipais 2026, contas que incrementan o investimento en benestar social e destinarán 58 millóns ao Plan de Barrios


A alcaldesa, Inés Rey, e o voceiro do grupo municipal do BNG, Francisco Jorquera, rubricaron hoxe o acordo político que abre camiño á aprobación das contas de cara ao vindeiro exercicio

A Coruña contará o vindeiro ano cun orzamento de algo máis 375,3 millóns de euros, que permitirá ao Concello profundar na mellora dos servizos públicos e dar resposta a moitas das demandas dos barrios da cidade.

O acordo para impulsar as contas de cara ao exercicio 2026 foi asinado esta mañá pola alcaldesa, Inés Rey, e polo voceiro do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego, Francisco Jorquera, que rubricaron o acordo entre o Goberno local e o BNG co obxectivo de que as contas se sometan á aprobación do Pleno como paso previo á súa entrada en vigor.
“Serán, un ano máis, uns orzamentos progresistas, concibidos para dar resposta ás necesidades das coruñesas e coruñeses, cun forte compoñente social e que permitirán aprobar investimentos de mellora en todos os barrios da cidade, nos seus dez distritos.

Falamos dun proxecto de orzamentos que non incrementará a presión fiscal, que prevé a conxelación da meirande parte dos tributos municipais”, indicou a rexedora, que apuntou que a cifra dos Orzamentos 2026 será a segunda máis elevada na historia da cidade.

Na rolda de prensa posterior á sinatura do acordo, a alcaldesa fixo especial fincapé na parte relativa ao benestar social, xa que os orzamentos municipais previstos o ano que vén estipulan un investimento para Protección e Promoción Social que supera os 42,6 millóns de euros, dez millóns máis que no exercicio actual.
“E, por suposto, son orzamentos cos que impulsaremos a parte que nos corresponde do Novo CHUAC, sempre é cando a Xunta teña a ben axilizar prazos e acabar cos retrasos que acumulan. Tamén son as contas da estación intermodal, da Cidade das TIC e de moitas outras actuacións e investimentos previstos”, concretou Rey, acompañada hoxe polos concelleiros José Manuel Lage e Nereida Canosa, integrantes da Comisión Negociadora dos Orzamentos Municipais.

58 millóns de euros en investimentos nos barrios da Coruña

Tal e como se expuxo días atrás, cando se aprobou o proxecto de orzamentos na Xunta de Goberno Local, as contas do ano 2026 prevén dar un novo pulo ao Plan de Barrios, con investimentos que chegan aos 58 millóns de euros, repartidos por toda a cidade.
“O noso obxectivo é achegar todos os servizos e todos os equipamentos a cada veciño e veciña da Coruña, viva onde viva. Por iso o Plan de Parques Infantís dotado con 10 millóns de euros chega tamén a estas contas con novas actuacións previstas en Novo Mesoiro e no Ventorrillo”, indicou Inés Rey. Neste último barrio será onde se construirá o primeiro parque cuberto da cidade, ao que seguirán máis.

Ademais, entre os investimentos previstos tamén hai espazo para a expansión das instalacións deportivas, con novas pistas multideporte na avenida de Cádiz, en Nosa Señora de Fátima, na Sagrada Familia ou a pista cuberta de Elviña.

A rexedora apuntou tamén que as actuacións do Plan de Barrios permitirán culminar a Rolda Peonil entre San Diego e o Observatorio, parque onde se porá en marcha a segunda fase de adecuación, “tras décadas de peticións veciñais xustas, para o disfrute dos veciños do Agra do Orzán”.

A vivenda, piar fundamental nas políticas sociais do Goberno local

Inés Rey tamén destacou o compromiso do Goberno municipal para impulsar medidas que permitan dar resposta ás necesidades de vivenda na cidade: “Non só cos 4,2 millóns de euros para a rematar a promoción pública que temos en marcha en Xuxán, senón tamén cos 1,5 millóns cos que dotaremos á EMVSA para xestionar o parque de vivenda municipal pública”. Ademais, nas contas hai previsión de investimento para o fomento da rehabilitación, con 1,5 millóns de euros en axudas, e da accesibilidade, con 1,1 millóns.

Ademais, noutra orde de asuntos, os Orzamentos 2026 contemplan 7,2 millóns de euros para convenios nominativos que o Concello prevé asinar con máis de 250 asociacións.
“Quero agradecerlle ao BNG, e en especial ao seu voceiro, Francisco Jorquera, a súa capacidade de diálogo e de chegar a acordos poñendo por riba de calquera outro interese os desta cidade”, dixo Rey, que puxo tamén en valor o traballo do seu equipo de Goberno nos últimos meses para chegar a este acordo

Deja un comentario