CONTOU CON 241 FIRMAS REPRESENTADAS POR 93 EXPOSITORES DIRECTOS DE TRES PAÍSES E UN COMPLETO PROGRAMA CON MÁIS DE 70 CONFERENCIAS E OUTRAS ACTIVIDADES
Un total de 5.500 profesionais e consumidores do sector enerxético visitaron durante os seus tres días de celebración a primeira edición da Feira da Enerxía de Galicia, a cal se constituíu dende o pasado xoves ata hoxe no único certame do noroeste peninsular que aglutina todos os tipos de enerxía.
Estes asistentes contaron na área expositiva do certame con numerosas propostas de moitas das empresas e entidades máis importantes do sector enerxético, as cales sumaron 241 firmas de 16 países que estiveron representadas por 93 expositores directos de tres países (España, Portugal e Francia) e ocuparon unha superficie total de preto de 11.000m². Así, coñeceron as últimas novidades en produtos e servizos dos ámbitos das enerxías convencionais e renovables, eficiencia enerxética, mobilidade sostible, material e equipos para instalacións, electrónica industrial, iluminación ou servizos a empresas, e tamén os proxectos e actividades de institucións e asociacións do sector.
Un área expositiva que se uniu a un completo programa de actividades para converter esta cita nun atractivo punto de encontro para un sector de gran importancia para Galicia dende o punto de vista económico, do emprego, o I+D+i e o compromiso co medio ambiente.
Esta participación de expositores e visitantes e as impresións recibidas tanto sobre os contidos da exposición e o programa como sobre o desenvolvemento do certame fan que a organización se amose satisfeita con esta primeira edición.
A feira foi inaugurada o pasado xoves polo vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que estiveron acompañados doutras autoridades. Ambos subliñaron que este encontro se afianzará como un referente do sector e se converterá nunha oportunidade estratéxica para que este poida afondar nos seus grandes retos de futuro.
A esta presenza institucional sumouse hoxe a do Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, quen visitou o stand da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, no cal estaban representados cinco centros galegos que expuxeron proxectos relacionados coa temática da feira.
Un amplo programa con gran participación
A I Feira da Enerxía de Galicia contou cun interesante programa de actividades que, conducidas por cerca dun centenar de expertos, incluíron propostas tanto para profesionais como para consumidores.
As conferencias, peza clave deste programa, contaron en xeral cunha gran afluencia de profesionais. Leváronse a cabo 74 que se agruparon en 26 xornadas organizadas por unha ducia de entidades, como foron o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética (Energylab), Asociación Española de Valorización Energética de la Biomasa (AVEBIOM), Axencia Galega de Innovación (GAIN), Federación Galega de Asociacións Provinciais Empresariais de Fontanería, Calefacción, Gas, Climatización, Mantemento e Afíns (FEGAFÓN), Federación Galega de Instaladores Eléctricos e Telecomunicacións (FEGASINEL), os clústers galegos do Autoconsumo e a Xeotermia Galega (AGAEN e ACLUXEGA) e as empresas Grupo Saltoki, Edp España, Férroli España, T´uvento e Dielectro.
Estas entidades profundaron nas súas xornadas en temas de gran interese, como a eficiencia enerxética, mobilidade sostible, financiamento de proxectos europeos de I+D+i, biomasa, autoconsumo, seguridade industrial, normativa e regulamentación en distintos ámbitos, presente e futuro da industria e o mercado fotovoltaico, situación actual dos mercados de electricidade e gas, aerotermia, iluminación led, instalacións de baixa temperatura ou selos de calidade, entre outros.
O programa da feira tamén estivo conformado por outras actividades que se sumaron ás conferencias. Así, contou cunha gran área divulgativa centrada nos distintos tipos de enerxía e a eficiencia enerxética, promovida pola Fundación Sotavento Galicia e o INEGA; e con talleres dirixidos a escolares, tanto destas dúas entidades como da Fundación Repsol, nos cales participaron durante o xoves e o venres máis de 500 alumnos de Primaria das comarcas de Deza e Tabeirós.
Engadiuse a estas propostas para público xeral un circuíto de vehículos eléctricos e híbridos que contou con dez automóbiles das marcas Renault, Toyota, Nissan e Consultoría L.A. (Anrolu Instalaciones) e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e do INEGA. Un espazo que tivo gran aceptación, sendo 400 persoas as que probaron estes vehículos.
Ademais, no seu marco leváronse a cabo presentacións e reunións sectoriais, como o Encontro dos tres clústers enerxéticos galegos (AGAEN, ACLUXEGA e CLUERGAL) ao que acudiron máis de 40 empresas asociadas destas entidades.
O programa completouse con actividades realizadas nos propios stands, como sorteos, demostracións ou a posibilidade dos visitantes de probar os dispositivos de realidade virtual que chegarán ao mercado en 2016 presentes no espazo que a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación dedicou a este aspecto na feira. Nel realizáronse demostracións cos estes dispositivos e amosáronse as distintas aplicacións das tecnoloxías de realidade virtual, as cales espertaron gran interese dende o ámbito da industria ou a enxeñería ata o da formación a todos os niveis.