Monday 29 de December de 2025

O PP de Arzúa denuncia o “enchufismo” do tripartito na presentación do cartaz da Festa do Queixo


O Partido Popular de Arzúa manifesta o seu profundo malestar tras a presentación este sábado do cartaz da 51ª edición da Festa do Queixo, denunciando o que considera unha mostra máis de “amiguismo e clientelismo nacionalista” por parte do goberno local, algo que xa sucedeu en 2024.

Desde as filas populares denuncian que a elección do autor do cartaz, vinculado á contorna de EH Bildu, non é un feito illado. Rafael Rivadulla, voceiro popular, foi tallante ao respecto: “Non hai evento, acto ou presentación que faga este Concello sen que apareza o enchufismo nacionalista co beneplácito de Alternativa por Arzúa e o PSOE. É lamentable que a nosa festa máis senlleira se use para pagar favores ideolóxicos”.

O voceiro popular tamén puxo o foco na traxectoria do autor en edicións anteriores, como 2013 e 2014, cando aínda existía o formato de concurso. Rivadulla sementou dúbidas sobre a limpeza daqueles procesos: “Nese momento o alcalde era José Luís García e quen mandaba de facto era Xaquín García. Visto con perspectiva, foi aquel concurso un proceso limpo ou influíu a simpatía co autor?”.

A ausencia de Alternativa por Arzúa no acto do sábado non pasou desapercibida para os populares. Segundo Rivadulla, isto evidencia a fraxilidade do tripartito: “Parece que ao exalcalde non lle sentou nada ben que lle retirasen dende 2024 as competencias da Festa do Queixo.

O que vemos hoxe é un goberno roto onde cada un mira polo seu cadro”.
Para o Partido Popular, a situación en Arzúa é insostible. Arzúa cheira a enchufismo os 365 días do ano. Estamos ante un tripartito de tres caciques que prefiren o amiguismo antes que a excelencia que unha festa de 51 anos de historia merece.

Deja un comentario