Preto de 400 atletas, federados ou non, apuntáronse este ano para participar na IV San Silvestre Concello de Neda, que se desenvolverá este mércores no Roxal. A proba, que volve formar parte do calendario da Federación Galega de Atletismo e no XI Circuíto da Deputación da Coruña, vivirá, a teor das inscricións, a súa edición máis concorrida. Como sempre, convídase ás persoas participantes a acudir con atavíos de Nadal.
A carreira absoluta terá sobre unha distancia de 5,4 km por asfalto e levará aos participantes, que sairán e finalizarán na contorna da pista polideportiva da zona ata as inmediacións da Fervenza. Competirán atletas de oito categorías (entre sub 18 e máster 4), que deberán completar o percorrido nun tempo máximo de 45 minutos.
A proba grande, na que se inscribiron uns 300 corredores e corredoras, arrancará ás 10:30 horas. Antes disputaranse a carreira infantil (10:00 h) na que os participantes deberán dar unha volta a un circuíto de 700 metros, deseñado na contorna do núcleo do Roxal, e a xuvenil (dúas voltas ao mesmo circuíto).
Segundo figura no regulamento da San Silvestre, a retirada de chips e de dorsais farase a partir das 9:00 e as 9:45 h no polideportivo do Roxal, e recibirán trofeo os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculina e feminina.
Aparcadoiros
As persoas participantes poderán aparcar tanto no estacionamento situado xunto ao Pazo de Isabel II, ao principio da estrada que conduce ata a Fervenza, como no localizado nas inmediacións da instalación deportiva.
O Concello de Neda roga á veciñanza do Roxal colaboración para facilitar o desenvolvemento da competición, solicitando que o 31 de decembro, entre as 9:30 e as 12:00 horas, evite estacionar ao longo do percorrido, idéntico ao dos anos anteriores. En tanto non se completen as probas, non se poderá circular polas vías locais polas que vai a carreira.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.