O traballo académico foi elaborado por Emiliano Trigo Córdoba, licenciado en Enoloxía, quen abordou o estudo das prácticas da rega e as cubertas vexetais
Unha tese de doutoramento sobre prácticas de cultivo da vide desenvolvida na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), dependente da Consellería do Medio Rural, acadou a “Mención Internacional”, concedida pola comisión avaliadora deste traballo investigador.
A tese foi elaborada por Emiliano Trigo Córdoba, licenciado en Enoloxía, quen abordou o estudo de dúas prácticas de cultivo no viñedo: rega e cubertas vexetais. Desenvolvéronse ensaios de rega en parcela para as castes albariño, godello e treixadura nas denominacións de Orixe (DO) Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras, xunto cun ensaio de diversas cubertas vexetais sobre a caste mencía na DO Ribeiro. Nos ensaios avaliáronse os efectos fisiolóxicos, agronómicos e cualitativos dos diferentes tratamentos durante tres campañas (2012 a 2014).
Os resultados da investigación doutoral amosaron que a rega en Galicia non supuxo melloras produtivas nin cualitativas fronte ao sequeiro, agás na treixadura nun dos tres anos de estudo, concluíndose que é preciso propoñer novos ensaios con diferentes doses de rega e distintos períodos de aplicación durante o ciclo vexetativo do viñedo. Respecto das cubertas vexetais, estas produciron unha redución da expresión vexetativa da videira, sen prexudicar a produción, reducíndose o tamaño da baia, o que amosa unha mellor aptitude para a obtención de viños de calidade da caste mencía.
A tese partía do feito de que as prácticas de cultivo nas vides galegas preséntanse como unha ferramenta clave cara a adaptación das castes autóctonas fronte á cambiante situación climática na nosa comunidade. O carácter vigoroso das castes galegas xera a necesidade de estudar como controlalo, sen afondar en efectos negativos sobre a calidade do produto final, o viño. Neste senso, o manexo das cubertas vexetais entre as filas dos viñedos presenta a vantaxe de competir cos recursos dispoñibles para a viña, reducindo polo tanto o seu vigor. Asemade, a irregularidade na distribución das precipitacións en Galicia, durante a época estival, pode facer necesarias regas complementarias para reducir o risco de estres hídrico no viñedo, o que podería afectar á calidade da uva.
A tese doutoral desenvolveuse na Evega entre os anos 2011 e 2015 ao abeiro do proxecto de investigación “Influencia de diferentes prácticas de cultivo en el estado hídrico de viñedos del Noroeste de España: valoración agronómica y económica”, financiado polo Instituto Nacional de Investigación y Tecnología Agraria y Alimentaria (INIA) e coordinado por José Manuel Mirás Avalos.
A tese, titulada “Respuesta fisiológica y agronómica de variedades gallegas de vid a diferentes prácticas de cultivo: cubiertas vegetales y riego”, foi dirixida polos doutores José M. Mirás, Ignacio Orriols e Javier J. Cancela. A comisión avaliadora da investigación doutoral estivo formada por Luis S. Pereira, da Universidade de Lisboa; Jorge Pérez, do Instituto Nacional de Tecnología Agropecuaria de Argentina; Emilio Nicolás, do CEBAS-CSIC de Murcia; Enrique García-Escudero, do ICVV-Universidad da Rioxa, e Xesús Pablo González, da USC.