Sunday 28 de December de 2025

Os doua centros da ESO da Xunta en Zas gañan os premios nacionais a Experiencias Educativas STEM


— ‘Clics seguros en Zas’, da docente Lorena Cerdeira do Centro Público Integrado, foi elaborado a partir do proxecto cREAgal impulsado pola Xunta de Galicia

— ‘Miño en xogo’, do IES Maximino Romero de Lema, é tamén un recurso aberto nacido dun xogo de mesa creado no Polo Creativo dos profesores Fina Paulos e Óscar Rey

Os dous centros públicos de Educación Secundaria que a Xunta de Galicia xestiona no concello coruñés de Zas acaban de ser recoñecidos cos I Premios Nacionais a Experiencias Educativas que fomentan no alumnado as competencias dixitais e STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas polas súas siglas en inglés). Trátase de Clics seguros en Zas, coordinado pola profesora Lorena Cerdeira do Centro Público Integrado da localidade, e Miño en xogo, autoría dos docentes Fina Paulos e Óscar Rey do Instituto Maximino Romero de Lema.
Os proxectos foron galardoados co primeiro premio na categoría de elaboración de recursos educativos abertos para alumnado de ESO, un deles na modalidade individual e outro na de grupo, que organiza o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. E ambas iniciativas derívanse de diversos programas postos en marcha polo Goberno galego de Galicia para favorecer a competencia dixital entre os estudantes.
Riscos e ameazas da rede e nos dispositivos
Neste sentido, o proxecto do CPI de Zas foi elaborado a partir da aplicación do recurso educativo aberto Sen medo a facer clic do proxecto cREAgal, a plataforma de contidos educativos en aberto que impulsa a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. É, polo tanto, o exemplo de como se pode adaptar un destes recursos que a Xunta pon a disposición de toda a comunidade educativa galega á realidade concreta dun centro para acadar o maior aproveitamento do mesmo.

Clics seguros en Zas ten como obxectivo a sensibilización do alumnado de toda a ESO sobre os riscos e ameazas existentes na rede e nos dispositivos, educando no uso seguro da tecnoloxía dixital. Ademais, o proxecto fai fincapé nas dificultades que orixina a fenda dixital. Este proxecto recibiu tamén o premio do II Concurso de iniciativas didácticas sobre Tecnoloxía para o Ben Común que organiza Enxeñería sen fronteiras.

Uso de intelixencia artificial e radio escolar
Pola súa banda, a iniciativa do IES Maximino Romero de Lema é tamén un recurso educativo aberto creado a partir dunha experiencia didáctica desenvolvida o pasado curso 24/25. Aínda que o proxecto orixinal ten un soporte físico, nun taboleiro de madeira elaborado no centro co programa Polos Creativos da Xunta, adaptouse para convertelo nun recurso aberto, reutilizable e replicable en calquera centro do Estado, independentemente do seu contexto, que é precisamente o obxectivo de cREAgal.
Miño en xogo é unha proposta de gamificación que combina a tradición coa tecnoloxía para dar a coñecer a diversidade, historia, patrimonio e xeografía de Galicia a través do curso do río Miño. O proxecto inclúe o uso tanto da intelixencia artificial como da radio, onde se gravaron as preguntas do xogo, e afonda en cuestións como a igualdade de xénero ou o compromiso social, entre outras. A iniciativa recibiu tamén o premio Xigante Argalleiro do programa Tech Kids da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia.

Deja un comentario