A alcaldesa, acompañada polo Goberno municipal, reuniuse coa veciñanza dos dez distritos para explicar as actuacións do plan, dotado con 125 millóns de euros
Reforzo da iluminación, melloras puntuais en beirarrúas, máis seguridade viaria e actualización de equipamentos foron as demandas máis repetidas nos encontros
O Goberno municipal completou unha ampla rolda de 25 encontros veciñais no marco do Plan de Barrios, aos que se suma un acto previo de presentación do plan ás entidades veciñais da cidade, mobilizando a máis dun milleiro de veciñas e veciños no conxunto das reunións. A rolda de encontros contou cunha asistencia total dunhas 1.500 persoas, confirmando o interese da cidadanía por coñecer e participar nas actuacións previstas barrio a barrio.
A alcaldesa, acompañada por membros do Goberno municipal, destacou que estes encontros permitiron “escoitar de primeira man cales son as preocupacións máis inmediatas da veciñanza”. Segundo explicou, as demandas máis repetidas ao longo dos encontros foron o reforzo da iluminación en distintos puntos da cidade, as melloras de beirarrúas e calzadas en tramos concretos, a elevación de pasos peonís para reforzar a seguridade viaria e a actualización de equipamentos públicos, “liñas de actuación que coinciden co traballo que xa estamos a desenvolver desde o Goberno municipal”.
Durante as reunións dende o Goberno municipal lembraron que este é “o primeiro Plan de Barrios da historia da cidade, cun investimento sen precedentes de 125 millóns de euros, deseñado para actuar de maneira equilibrada nos dez distritos da Coruña”.
O Plan de Barrios 2025-2027 estrutúrase arredor de cinco grandes ámbitos estratéxicos: humanización e rexeneración urbana, parques infantís e zonas verdes, equipamentos e dotacións públicas, mobilidade sostible e espazos públicos, e infraestruturas urbanas transversais.
Neste sentido, a alcaldesa sinalou que “as propostas de maior calado trasladadas pola veciñanza están a ser estudadas polos servizos municipais, co obxectivo de valorar a súa viabilidade técnica e económica e incorporalas á segunda fase do Plan de Barrios, prevista para o período 2027–2030”. A día de hoxe, o Plan de Barrios conta xa con máis de 40 actuacións en marcha, entre adxudicadas, en fase de licitación, en execución ou xa executadas. O volume de obra activa supera os 50 millóns de euros, repartidos en máis de 31 puntos da cidade.
No calendario de encontros queda pendente o barrio de Feáns, inicialmente previsto para o 22 de decembro e que finalmente se celebrará a comezos do próximo ano. Desde o Goberno municipal faise unha valoración moi positiva deste proceso, que consolida un modelo de cidade baseado na participación directa, a proximidade coa veciñanza e a planificación das políticas públicas desde o diálogo cos barrios.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.