Sunday 28 de December de 2025

A sentenza do TSXG sobre Jardincelas non absolve a Rioboo: confirma o desastre da súa xestión


• O PP de Culleredo denuncia que o fallo tomba a reclamación da empresa, pero deixa aos descuberto anos de servizos sen contrato, improvisación e abandono

O PP de Culleredo advirte de que a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que rexeita a reclamación millonaria da empresa Jardincelas contra o Concello de Culleredo non supón en absoluto un aval á xestión do alcalde, José Ramón Rioboo. Ao contrario, para o PP confirma unha realidade “alarmante”: durante anos, o Concello funcionou sen contratos en vigor e sen unha planificación mínima.
Os populares critican que Rioboo tente presentar o fallo como unha vitoria cando o que reflicte é unha xestión irresponsable que levou ao colapso de servizos básicos e a unha cadea de contratos de emerxencia por non licitar a tempo un contrato caducado desde 2012. Nese período chegouse a situacións como a limpeza de edificios en emerxencia —con colexios e pavillóns coas súas instalacións e baños sen limpar—, a xardinería en emerxencia —co paseo marítimo e o resto de zonas verdes do concello abandonadas e coa herba sen cortar durante un ano— e unha limpeza viaria que, aínda hoxe, continúa en situación de emerxencia.
O PP subliña ademais que durante esta crise os traballadores estiveron meses sen cobrar, mentres o Concello eludía responsabilidades a pesar de permitir que o servizo se prestase durante anos sen cobertura contractual. “A sentenza non borra 15 anos de contratos caducados, nin aos traballadores sen cobrar, nin aos veciños que sufriron o abandono de servizos básicos. Isto non é un problema técnico: é un fracaso político”, afirma Izaskun García, portavoz popular.

Deja un comentario