Carballo rendeu este sábado unha “humilde pero moi sentida homenaxe a Manuel Facal”. Así a definiu o alcalde, Daniel Pérez, no acto público que se celebrou ao pé da casa na que viviu. O emblemático edificio situado na esquina das rúas Desiderio Varela e Coruña é un dos máis altos da vila e foi o primeiro que tivo ascensor, dúas características que ben poderían asociarse á traxectoria artística de Facal, porque foi, como lembrou a súa sobriña Eva Facal, “un dos artistas galegos máis renovadores do último medio século” e porque coa súa obra, que forma parte das coleccións permanentes dalgúns dos principais museos do mundo, situou Carballo no mapa internacional da creación artística.
“Manuel estaría moi contento co día que eliximos, porque é un día con moitísima luz”, dixo o alcalde, quen expresou tamén o agradecemento do pobo de Carballo por poder coñecer e desfrutar dun artista do nivel de Manuel Facal, “pintor, gravador e escultor de talla mundial, artista total, inquieto e vangardista, viaxeiro… pero que, fose onde fose, sempre levou Carballo na cabeza e no corazón”. Daniel Pérez destacou non só a talla artística senón tamén a talla humana de Facal, “unha gran persoa, boa e xenerosa”.
Grazas a esa xenerosidade, e a de dúas das súas herdeiras, o patrimonio artístico dos carballeses e das carballesas incorpora case duascentas obras de Facal. Pinturas, libros de autor, esculturas e gravados, a técnica pola que foi mundialmente coñecido. Un deses gravados, titulado Sisarga, ocupa desde este sábado un lugar privilexiado no despacho de Daniel Pérez, e ao seu carón asinouse o acordo de cesión desas case duascentas obras. “Adquirimos non só unhas obras de inmensa calidade, senón tamén o compromiso de conservalas, contextualizalas e poñelas en valor para cumprir o desexo de Manuel de que a súa obra pertencese ao pobo de Carballo”, dixo o alcalde.
Eva Facal, sobriña do artista e herdeira da súa inquedanza creadora, confirmou que unha das últimas “ilusións e vontades” de Manuel Falca “era que Carballo tivese un centro de arte dedicado á súa obra que servise de motor cultural para Bergantiños e desde o que fomentar as vocacións artísticas. Hoxe, coa transmisión destas obras, cumprimos a primeira parte desa ilusión despois dun proceso longo, que non foi fácil”.
As sobriñas de Manuel Facal que asinaron o documento, Eva Facal e Alejandra Mareque, agradeceron o apoio do Concello de Carballo e de dúas persoas que foron clave neste proceso, Xaime Díaz e José Antonio Viña. “A partir de hoxe -dixo Eva- empeza outra fase non menos importante: conservar a obra, dala a coñecer, dinamizala e poñela en valor, converter este legado nun activo cultural para Carballo de interese para o veciños pero tamén para os visitantes de fóra… Parece ser que se está traballando en buscarlle un emprazamento definitivo pero somos conscientes de que para iso faltan anos. Ata entón, desde a Fundación Manuel Facal, o noso desexo que a obra sexa exposta nun espazo significativo na mente das carballesas e carballeses, céntrico, frecuentado e accesible para todo o que veña á comarca. Esa sería a mellor maneira de honrar a súa memoria”.
Ao acto formal de sinatura do acordo entre o Concello de Carballo e as dúas herdeiras asistiron familiares de Manuel Facal, os voceiros dos dous grupos da oposición municipal e varios concelleiros e concelleiras do goberno municipal, e representantes da Fundación Facal, entre eles o ex alcalde Evencio Ferrero.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.