— A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe autonómico e na documentación avaliada
— A instalación proxéctase nunha parcela de case 50.000 metros cadrados no lugar de Senande, dos que algo máis de 20.000 se destinarán ao desenvolvemento da actividade de posta en valor e depósito de materiais de orixe industrial e urbana
A Xunta emitiu declaración de impacto ambiental (DIA) favorable sobre unha planta de valorización de residuos da construción e demolición (RCD) e almacenamento doutros materiais semellantes no concello de Muxía. En todo caso, a resolución está condicionada a que se cumpran tanto o recollido no estudo de impacto ambiental e no resto da documentación avaliada, como os condicionantes e o programa de vixilancia que figuran na propia DIA.
Así consta na resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que conclúe que, tendo en conta todo o anterior, esta iniciativa empresarial, promovida por Ecodaisan SL, é ambientalmente viable.
Neste sentido, a DIA foi elaborada no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria do proxecto, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, co resultado de sete organismos consultados e sen que se recibira ningunha alegación ao expediente.
Froito das consultas realizadas, os informes emitidos realizaron a valoración correspondente e estableceron unha serie de condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, todos os organismos consultados consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; de augas e leitos fluviais; do patrimonio cultural; do solo e infraestruturas, xestión de residuos; protección da fauna, vexetación, hábitats, espazos protexidos e outros valores naturais; ante accidentes graves ou catástrofes, así como integración paisaxística e restauración.
Unha vez emitida esta declaración, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitirase a resolución ao órgano substantivo e daráselle publicidade a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería.
O promotor, Ecodaisan SL, pretende habilitar unha parcela no concello de Muxía, no lugar de Senande para a clasificación, limpeza e valorización de residuos de construción e demolición de orixe industrial ou urbana. A finca, cunha superficie de preto de 50.000 metros cadrados, dos que se utilizarán algo máis de 20.000 metros cadrados para o desenvolvemento da actividade, deixando o resto da superficie para exercer de pantalla vexetal. De feito, aproveitando a vexetación actual busca minimizarse o impacto visual das instalacións no núcleo de Senande e outros lugares de interese na contorna.
A capacidade normal de valorización da planta estímase en 4.480 toneladas ao ano e a máxima en 25.000 toneladas anuais. A instalación estará distribuída en distintos espazos para a descarga e selección de RCD mesturados, de almacenamento de residuos e das fraccións separadas procedentes da selección, para residuos bituminosos, para residuos inertes limpos previos á trituración, de triturado e criba, de almacenamento de áridos reciclados, de depósito de materiais naturais escavados e unha zona habilitada para oficinas e aseos.
Importancia da declaración de impacto ambiental
Cómpre lembrar que o obxectivo dunha DIA é avaliar a integración dos aspectos ambientais de cada proxecto e determinar as condicións que deben establecerse para a adecuada protección do territorio e dos recursos naturais tanto durante a execución e explotación como no cese ou desmantelamento das distintas iniciativas.
De feito, calquera proxecto industrial ten un impacto no territorio, pero os seus efectos non poden ser significativos, polo que a DIA é o instrumento encargado de determinar como e de que xeito se poden minimizar, compensar ou mesmo restaurar as zonas afectadas pola súa posta en marcha e durante o seu funcionamento futuro.
Estamos ante un trámite do máis exixente como demostra o feito de que a maioría das declaracións ambientais favorables emitidas pola Xunta inclúen condicionantes xerais e particulares así como un plan de vixilancia que é de aplicación ao proxecto e cuxo seguimento corresponde ao órgano substantivo.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.