Feijóo destaca a importancia de que ambos gobernos concentren as súas capacidades en proxectar ao mundo as súas singularidades e o especial atractivo de dúas das cinco cidades santas do mundo: Santiago e Caravaca
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asinou na súa visita ao Santuario da Vera Cruz, un protocolo de colaboración co presidente do Goberno de Murcia, Pedro Antonio Sánchez, co fin de trasladar a experiencia na promoción do Camiño de Santiago á celebración do Ano Santo de Caravaca de la Cruz 2017.
Como sinalou Feijóo, o presidente de Murcia trasladoulle o seu interese por compartir as experiencias da Xunta na xestión do turismo relixioso e de peregrinación de Santiago co fin de fomentar o turismo a Caravaca.
Nesta liña, logo de destacar as semellanzas que hai entre Santiago e Caravaca, dúas das cinco cidades santas que hai no mundo, o presidente da Xunta subliñou a importancia de que ambos gobernos concentren as súas capacidades en proxectar ao exterior as súas singularidades “o especial atractivo destes lugares tan especiais que non se crean con investimentos e nos que reside a historia e a espiritualidade”.
Con respecto a isto, o presidente do Goberno galego subliñou que Santiago, desde o Ano Santo de 1993, foi cambiando a configuración da Comunidade. De feito, asegurou que Galicia non se concibiría sen os Camiños de Santiago, que unen a Comunidade con occidente a través dos distintos itinerarios que conflúen no Obradoiro.
Da mesma forma, puxo en valor os Camiños da Cruz, que chegan ata o santuario da Vera Cruz e destacou a presenza da pegada do Camiño de Santiago neles, concretamente no Camiño do Apóstol, que se inicia en Cartaxena, onde se di que chegou Santiago cando se apeou en España, e o Camiño da Cruz, unha antiga ruta que enlaza o Camiño de Santiago á altura de Roncesvalles co santuario de Caravaca.
Para Feijóo, os Camiños da Cruz conforman unha oportunidade para Murcia que o seu Goberno autonómico está apoiando. Neste senso, sinalou que o Executivo murciano é o “primeiro prescriptor do interese pola colaboración entre as administracións públicas para fomentar o turismo a Caravaca”.
Por outra banda, o presidente da Xunta puxo en valor as cifras de turismo que se están acadando en Santiago de Compostela e asegurou que, no que vai de ano, xa se computaron un 8% máis de peregrinos que en 2015, un ano que foi récord neste eido.
Nesta liña, Feijóo puxo a experiencia da Xunta a disposición de Murcia e trasladou o seu compromiso para unir máis as dúas cidades santas e os Camiños. Trátase dunha “alianza permanente e para sempre entre Caravaca e Santiago, entre Galicia e Murcia”, dixo.