Friday 26 de December de 2025

O Concello de Lousame pon en marcha un programa de fomento da natalidade cunha achega de 900 € por nacemento en tres anos


O programa “Nacín en Lousame, un orgullo que se debe coidar” arrinca con outras 2 medidas: o aumento do 33% das achegas á ANPA Alecrín e a posta en marcha dun plan de asesoramento á lactancia

“Hoxe presentamos un plan novidoso e ambicioso que vai poñer en marcha o Concello de Lousame a partir de xaneiro de 2026, pero que tamén é so o comezo, porque temos o obxectivo de que ano a ano se vaia ampliando e implementando novas medidas segundo as partidas económicas das que poidamos dispoñer pero serve como como punto de partida para fomentar a natalidade e conseguir reverter a despoboación que sufre o rural”. Son palabras do alcalde de Lousame, Esteban Ares García, durante a presentación do primeiro plan de fomento da natalidade do Concello de Lousame, denominado “Nacín en Lousame, un orgullo que se debe coidar”.

Cunha media de 15 nacementos nos últimos anos, “un dos primeiros obxectivos do novo Grupo de Goberno e no que levamos traballando estes meses foi a posta en marcha deste plan novidoso para fomentar a natalidade, que presentamos no mesmo día no que se van aprobar os Orzamentos de 2026, onde se inclúe a correspondente partida económica para esta iniciativa”, explicou Esteban Ares, quen detallou que este programa inclúe tres liñas de actuación:

1- Todos os nenos e nenas que nazan no municipio a partir do 1 de xaneiro de 2026 recibirán unha axuda económica directa do Concello de Lousame de 900 euros, condicionados a que tanto a crianza como cando menos 1 dos seus proxenitores estea empadroado en Lousame durante os 3 anos que dura a achega, de forma que recibirán 300 euros cada ano. “A decisión de non pedir que os dous proxenitores estean empadroados en Lousame débese á necesidade de incluír a todo tipo de familias: monoparentais, divorcios, separacións…”, puntualizou o alcalde lousamiá.
2- A segunda liña de actuación baséase na idea de que “non queremos axudar só aos nenos que nacen, senón tamén aos que xa están e pensamos que é xusto recoñecer o labor que fai a ANPA Alecrín do CPI Cernadas de Castro e todas as actividades que organiza para os nenos, polo que imos incrementar nun 33% a partida económica para mellorar a súa financiación e que poidan seguir mellorando as actividades que ofrecen aos nenos e nenas”, detallou Ares García.
3- E a terceira liña será a posta en marcha dun programa de apoio á lactancia materna que será dirixido por Alicia Conde, asesora de lactancia. “Queremos tamén protexer e coidar a esas nais e ofrecerlles este servizo para que se sintan acompañadas e poidan resolver calquera dúbida tanto durante o embarazo como durante os primeiros meses de vida do neno ou nena”, explicou o alcalde lousamiá.

Acompañamento personalizado

A propia Alicia Conde, presente na presentación do programa, explicou que o obxectivo do programa será “ofrecer ás nais toda a información e formas para levar a lactancia da mellor forma posible xa que é un mundo marabilloso pero no que tamén pode haber dor e moita soidade”. Por iso, dende o Concello de Lousame promoverán a posta en marcha de talleres e obradoiros para explicar como actuar nos primeiros días, durante o embarazo ou como compaxinar a incorporación ao traballo coa lactancia. Uns obradoiros que se complementarán con acompañamentos personalizados: “poder desprazarnos á casa da familia para resolver situacións ou implementar medidas que resolvan as dificultades que poidan xurdir”, sinalou Alicia Conde.

Finalmente, a concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, explicou que “este programa súmase a todos os servizos que temos en Lousame como o Punto de Atención á Infancia, os programas de conciliación familiar, campamentos e todas as actividades que organizamos para a infancia buscando que Lousame sexa un lugar idóneo para vivir”.

Neste sentido, puxo en valor iniciativas como os programas de conciliación “Lousame Concilia”, tanto durante o curso escolar (para atender ás crianzas antes do inicio das clases) como durante as vacacións escolares (Nadal, Entroido e Verán). A elas engádense os Campamentos de Verán, moi prezados non só en Lousame senón en toda a comarca; e outra serie de actividades, obradoiros e espectáculos infantís que se programan durante todo o ano. Unha programación moi variada que vai dende os espectáculos de maxia do outono ás clases de inglés “Leisure activities”, impartidas polas voluntarias europeas.

Deja un comentario