Friday 26 de December de 2025

O medio maratón da Coruña estreará no ano 2026 unha nova meta: a praza de María Pita


A proba, que terá lugar o día 1 de marzo, sairá da avenida da Mariña Sumando a C21 e a carreira complementaria da 5K xa son máis de mil persoas inscritas para vindeira edición desta cita

O Concello traballa xa na organización de servizos da vindeira edición do medio maratón da Coruña, a carreira C21, que terá lugar o domingo 1 de marzo e que nesta nova edición estreará unha nova liña de meta: a praza de María Pita.

Será a primeira vez que a proba dos 21 quilómetros teña o seu punto e final ás portas do Palacio Municipal, un atractivo engadido para un percorrido xa totalmente definido: a carreira sairá desde a avenida de Montoto e discorrerá pola avenida da Mariña, Cantón Grande, Cantón Pequeno, praza de Mina, Sánchez Bregua, praza de Ourense, avenida Linares Rivas, avenida Primo de Rivera, praza da Palloza, avenida do Exército (zona da Casa do Mar), Ramón y Cajal, Pérez Ardá e Salvador de Madariaga, onde se realizará o primeiro cambio de sentido.

A partir de aí, as persoas participantes regresarán polo mesmo itinerario ata Ramón y Cajal, enlazando con Alcalde Marchesi, rotonda da Gaiteira, Posse e o lateral da avenida do Exército, para acceder á zona portuaria pola estrada Porto Petroleiro de Oza. Desde alí, a carreira continuará ata a rotonda de San Diego e avanzará pola estrada do Peirao Leste, nun tramo de ida e volta que incluirá tamén a estrada do Peirao da Palloza e a do Peirao de Linares Rivas, antes de atravesar a rotonda interior do porto e regresar cara ao centro urbano.

Xa na segunda metade da proba, as e os corredores retornarán por Linares Rivas, praza de Ourense, Sánchez Bregua e praza de Mina, en dirección a Juana de Vega e San Andrés. Continuarán pola rúa Alta e Pedro Barrié de la Maza, pasando pola rotonda das Catalinas, avenida de Buenos Aires e Manuel Murguía, ata a rotonda das Escravas, onde darán volta para volver polo mesmo percorrido.

Tras alcanzar de novo a zona do Matadoiro, avanzarase polo paseo marítimo Francisco Vázquez ata a rotonda do Aquarium, regresando posteriormente pola avenida Pedro Barrié de la Maza, rúa Sol, San Andrés e rúa Nova, antes de atravesar o Cantón Grande, avenida da Mariña e Porta Real. A carreira culminará na praza de María Pita.

O percorrido desta edición concretouse despois das últimas reunións de traballo coa Autoridade Portuaria e tras valorar os avances experimentados nas obras dos Cantóns, un enclave fundamental para definir o trazado final, ao ser un espazo de superficie cha, sen pendentes, e susceptible de incluír na proba para a súa homologación oficial por parte da Real Federación Española de Atletismo (RFEA). O trazado, de 21.097,5 metros, conta xa coa homologación oficial da RFEA.

Máis de mil persoas inscritas entre a C21 e a 5K

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, lembrou hoxe que o día do medio maratón tamén se disputará unha proba complementaria de menor percorrido: os 5K.
A proba dos 5K sairá tamén desde a avenida de Montoto e compartirá o trazado co medio maratón ata o cruzamento con Juana de Vega. A partir dese punto, as persoas participantes desviaranse pola rúa San Andrés, continuando pola rúa Alta e Pedro Barrié de la Maza ata circunvalar a rotonda das Catalinas. Desde aí, comezará o traxecto de regreso pola rúa Sol, San Andrés, rúa Nova, Cantón Grande e avenida da Mariña, ata alcanzar a meta situada na praza de María Pita.

A dous meses e medio do día da proba, xa son máis de mil persoas inscritas entre a C21 e a 5K. A meirande parte delas, no medio maratón. As persoas interesadas en participar nalgunha das dúas carreiras poderán formalizar a súa inscrición na páxina web de Carreiras Galegas.

Deja un comentario