Turismo da Xunta promove o destino Galicia no salón B Travel
Turismo de Galicia promove estes días a oferta turística galega en Cataluña. Esta comunidade, con preto de 200.000 viaxeiros aloxados e 380.306 pernoitas nos nosos hoteis, situouse como un dos mercados emisores máis importantes para Galicia durante 2015.
Polo que respecta a 2016, a demanda turística catalá tamén se está a comportar como unha das máis activas para Galicia. Nos dous primeiros meses do ano aloxáronse nos hoteis galegos 15.336 cataláns, un 25,3% máis que no mesmo período de 2015.
Para incentivar aínda máis este fluxo de viaxeiros de Cataluña, Turismo de Galicia participa cun recinto de promoción propio na II edición do Salón B Travel, herdeiro do Salón Internacional de Turismo de Cataluña (SITC) que se celebrou durante 23 anos no recinto da Fira de Barcelona.
Presenza galega
O recinto galego conta 106 metros cadrados de exposición, como difusor da oferta xeral da nosa comunidade, no que salientan como reclamo as experiencias turísticas de Galicia, xurdidas dos produtos cabeceira da marca Galicia.
Polo demais, o mostrador para a promoción do turismo galego na B Travel 2016 conta con elementos gráficos relacionados co Camiño de Santiago e outros referidos aos valores naturais e culturais de Galicia.
Neste certame, o organismo autonómico de promoción turística ten moi presente a promoción da Ruta Xacobea entre os cataláns, así como os produtos turísticos relacionados coa costa e o interior de Galicia, así como a enogastronomía.
O Salón B Travel é unha das plataformas turísticas máis importantes da oferta e os servizos turísticos no ámbito nacional e un importante reforzo para a promoción do turismo galego en Cataluña.