Friday 26 de December de 2025

O Concello prepara a implantación de luces semafóricas no chan pioneiras na cidade, que reforzarán a seguridade viaria entre Modesta Goicouría e Rubine


Os dispositivos, que contan con luces led en cor verde e vermella, instalaríanse sobre o pavimento da beirarrúa lindeira ao paso peonil, co obxectivo de incrementar a visibilidade da sinalización na intersección

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, contextualizou esta medida, proxectada ante a proximidade de varios centros educativos e tras a transformación de Modesta Goicouría a dobre sentido

O Concello está a estudar a implantación dunhas novas balizas semafóricas led no cruzamento entre as rúas Modesta Goicouría e Rubine, unha medida concibida para reforzar a seguridade viaria preto dos centros educativos da contorna e que terá un carácter pioneiro na cidade.

A instalación destes dispositivos de sinalización, avaliada polo equipo de profesionais da área municipal de Mobilidade, executaríase sobre a superficie de baldosas podotáctiles que dá acceso ao paso peonil entre Modesta Goicouría e Rubine.

Conectadas á rede de subministración eléctrica a través das infraestruturas de canalización, estas balizas serían, na práctica, unha réplica dos semáforos da intersección, e reproducirían as súas indicacións para reforzar a percepción das persoas viandantes. Se o semáforo do paso peonil estivese en verde —habilitando así o paso das peoas e dos peóns—, as bandas led do pavimento activaranse coa mesma cor, e no mesmo caso co semáforo en vermello.

O obxectivo principal é reforzar a seguridade viaria e súa probable implantación neste punto da cidade ten a súa explicación. Tal e como expuxo a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, “a recente transformación de Modesta Goicouría nunha vía de sobre sentido, con vehículos circulando en dirección ao paseo marítimo e tamén cara á praza de Pontevedra, fixo necesario incrementar a sinalización deste cruzamento, que xa era unha zona de tránsito peonil intenso, especialmente de estudantes do IES Eusebio da Guarda e o CEIP Eusebio da Guarda”.

Neste sentido, Díaz apuntou ao compromiso do Goberno de Inés Rey para actuar nos camiños escolares e nos percorridos habituais do alumnado dos centros educativos da Coruña, “aproveitando as novas tecnoloxías para facer aínda máis visible a sinalización de advertencia ante posibles distraccións, e contribuíndo así a diminuír o risco de accidentes”.

A este respecto, o informe municipal que sustenta este proxecto apunta á detección de moitas persoas que, neste punto específico do Ensanche, cruzan o paso peonil en cuestión ao mesmo tempo que consultan os seus dispositivos móbiles. “A instalación destas balizas led en cores, que estamos a analizar, podería incrementar a visibilidade da sinalización semafórica no campo visual inmediato das persoas viandantes”, razoou Díaz.

Deja un comentario