Friday 26 de December de 2025

Herdeiras de Manuel Facal e Concello de Carballo materializan un acordo para incorporar case duascentas obras do artista ao patrimonio municipal


Unha vez formalizados todos os aspectos legais, o Concello de Carballo e dúas herdeiras de Manuel Facal Ponte materializarán este sábado o acordo para que case duascentas obras do artista pasen formar parte do patrimonio municipal. Ese era o desexo que tiña manifestado o creador carballés, pero o seu inesperado falecemento, o 6 de abril do ano 2024, e todos os trámites que foi preciso facer posteriormente, impediron que se cumprise a súa vontade ata agora.

O acto formal, que se realizará este sábado 27 de decembro, ás 12.00 horas, inclúe tanto a adquisición coma a doazón das obras, entre as que figuran pinturas, gravados, debuxos, libros de autor e esculturas. Daniel Pérez López e as herdeiras do artista asinarán na Alcaldía o documento que pon fin a todo o proceso legal e abrirá o de posta en valor dese legado, para o cal xa se están a realizar diferentes xestións.

Despois da sinatura, representantes municipais e familiares de Manuel Facal Ponte achegaranse ata o edificio no que residiu o artista para renderlle unha modesta homenaxe nun acto aberto a toda a veciñanza.

Deja un comentario