Despois de algo máis de dous meses de formación, os nenos e nenas de 9 a 13 anos que participaron no último campamento dixital organizado pola Concellaría de Innovación en colaboración coa Fundación Esplai recibiron os diplomas que certifican as competencias dixitais adquiridas. O alcalde, Daniel Pérez; o concelleiro de Innovación, Iván Andrade, e a técnica responsable da Aula CeMIT, Milagros Antelo, fixéronlles entrega dos títulos acreditativos este martes 23.
O campamento, que se celebrou todos os martes pola tarde, formou parte do proxecto CRI-TIC, que ten como obxectivo mellorar as competencias dixitais da rapazada, e permitiu aos participantes aprender a manexar de xeito responsable e consciente a tecnoloxía e as redes sociais, a contrastar a información, a previr o ciberacoso e a mellorar a súa seguridade na rede. Ademais, descubriron a robótica, as posibilidades da intelixencia artificial ou da realidade aumentada, entre outras moitas aplicacións. Os nenos e nenas completaron un itinerario formativo de 30 horas.
O proxecto CRI-TIC, infancia e mocidade con criterio dixital, liderado por Fundación Esplai, ten como obxectivo principal favorecer a adquisición de competencias dixitais tentando garantir a inclusión dixital desde a infancia. A implementación deste proxecto implica unha combinación de coñecementos, habilidades e actitudes que fomenta unha actitude crítica e responsable da tecnoloxía, non só para a aprendizaxe ou o traballo, tamén para a participación na sociedade e a interacción social.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.