Friday 22 de November de 2024

Os equipos do IES de Becerreá, gañadores da VII edición de Parlamento Xove


José Manuel Rey Varela, acudiu ás finais e felicitou a todos os participantes polo traballo realizado

O equipo do IES de Becerreá 1, na categoría de Bacharelato, e o IES Becerreá, na modalidade de Educación Secundaria Obrigatoria, resultaron os gañadores da sétima edición de Parlamento Xove, competición de debate que organiza a Consellería de Política Social co obxectivo de fomentar entre a mocidade o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias.

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez e pola vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Marta Rodríguez Arias, presidiu no Parlamento de Galicia a final desta competición de debate na que nesta sétima edición participaron un total de 47 equipos de 39 centros educativos de toda Galicia. Á fase final chegaron 16 equipos de 12 centros educativos, cun total de 235 participantes (188 mozos e mozas e 47 profesores/as).

Os equipos gañadores recibiron como premio unha viaxe valorada en 5.000 euros, na modalidade de Bacharelato, e 3.000 euros na categoría de ESO. Os subcampións foron os equipos IES de Becerreá 2, en Bacharelato, e CPR Plurilingüe Sagrada Familia de Vilagarcía en ESO. Recibiron como premio un disco duro para cada un dos membros que compoñen o equipo.

Na categoría de 3º e 4º de ESO, os oito equipos que chegaron a esta fase final foron con dous equipos o CPR Plurilingüe Sagrada Familia (Vilagarcía) e cun equipo o Colexio Maristas “A Inmaculada” (Lugo), o Colexio La Salle (Santiago), o IES Monte Castelo (Burela), o IES A Pinguela (Monforte), o IES de Becerreá e o CPR Nosa Señora de Lourdes (A Estrada).

Na categoría de 1º e 2º de Bacharelato, participaron nesta fase final con dous equipos o IES de Becerreá e cun equipo o IES Eduardo Pondal (Santiago), o Colexio La Salle (Santiago), o CPR Plurinlingüe Colexio Esclavas (A Coruña), o IES Antón Fraguas (Santiago), o Colexio Internacional Sek Atlántico (Poio) e o IES de Rodeira (Cangas).

O tema dos encontros dialécticos nesta fase final foi “O machismo adolescente segue presente na nosa cultura?”

Así mesmo, o premio ao mellor dossier de investigación foi para o IES David Buján de Cambre, na categoría de Bacharelato, e o Colexio Maristas “A Inmaculada” de Lugo, en ESO. Recibiron como premio un mp3 para cada un dos membros dos equipos. O tema deste dossier foi o da fase clasificatoria: “Determina o papel do/a profesor/a o futuro dos mozos e mozas?”. E os catro mellores oradores –dous en cada categoría- recibiron como premio un diploma e un mp3.

José Manuel Rey Varela felicitou a todos os premiados e premiadas, así como a todos os participantes nesta sétima edición. “Resulta moi gratificante comprobar que a nosa xuventude se compromete con proxectos que axudan ao desenvolvemento das súas competencias e habilidades sociais e académicas”, asegurou o conselleiro. Ademais, o titular da carteira autonómica destacou que “esta competición axuda a aumentar a capacidade de respecto sobre a opinión que teñan outras persoas e fomenta o traballo en equipo”.

Parlamento Xove é unha competición de debate na que os equipos representantes de centros educativos de toda Galicia empregan a oratoria para defender un determinado punto de vista acerca dun tema proposto pola organización. Os participantes de cada equipo –formado por catro alumnos/as e un profesor/a- investigan, escriben e debaten sobre o tema proposto, incluíndose tamén a realización dun dossier de investigación. Nos seus sete anos de vixencia son 1.122 os participantes nesta iniciativa.

A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se procede ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, “a favor” ou “en contra”, en relación á cuestión formulada. Os equipos levaron a cabo unha labor de investigación previa e agora contrapoñen e discuten datos e ideas.

Trátase de debates de carácter argumentativo; espazos de comunicación que permiten a discusión sobre o tema proposto e gañarán non os equipos que necesariamente teñan a razón, senón os que mellor sustenten as súas ideas. Durante o transcurso destes debates dialécticos, os mozos e mozas desenvolven valores como a capacidade de respectar a opinión dos demais, a colaboración cos compañeiros para elaborar as conclusións e fomentan a toma de conciencia no comportamento democrático.

Os obxectivos principais destes debates son: dar a coñecer e defender a postura sobre o tema proposto; dar elementos de xuízo claros na exposición; exercitar a expresión oral, a capacidade de escoitar e a participación activa e defender as opinións con xustificación.

Parlamento Xove, como actividade na que participa o alumnado e profesorado de centros educativos, contribúe ao desenvolvemento de practicamente todas as competencias básicas como a competencia lingüística, nos seus catro ámbitos (expresión oral e escrita e comprensión oral e escrita); a competencia matemática, xa que en todos os debates manexan datos e porcentaxes que avalan a súa argumentación; tratamento da información e competencia dixital; a competencia social e cidadá que contribúe á convivencia dado que o traballo realízase en equipo; a competencia cultural e artística dado que nos debates se esixe o emprego de figuras estilísticas e capacidade de retórica; e a competencia para aprender e iniciativa persoal.