Friday 26 de December de 2025

O Grupo Municipal Socialista lamenta un novo fito negativo do goberno de Goretti Sanmartín polo atraso no pagamento das nóminas municipais


A concelleira Marta Abal critica esta circunstancia excepcional, que só se produciu en dúas ocasións na historia do Concello de Santiago, e cuestiona a falta de previsión do executivo local.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista, Marta Abal, denuncia o atraso no pagamento das nóminas ás traballadoras e traballadores municipais, unha situación que cualifica como un novo “fito histórico” negativo do actual goberno local.
“O goberno de Goretti Sanmartín vai de fito histórico en fito histórico. Só dúas veces na historia do Concello de Santiago, non se cobrou o salario a estas alturas do mes de decembro”, afirma Abal.
A concelleira socialista lembra: “a primeira vez foi cun goberno do Partido Popular, o goberno de Conde Roa, que pagou ás traballadoras e traballadores o día 30 de decembro. A segunda vez estamos a inaugurala neste ano 2025”..
Segundo Marta Abal, lonxe de asumir responsabilidades, o goberno de Sanmartin recorre ás escusas habituais para xustificar a súa falta de xestión.
“Como ven sendo habitual, o goberno de Goretti Sanmartín bota balóns fóra: a culpa é do aplicativo de nóminas; eles pasaban por alí”, critica.
Marta Abal asegura que “está claro que o goberno de Goretti Sanmartín nin está nin se lle espera para as veciñas e veciños de Santiago de Compostela, pero tampouco está nin se lle espera para as traballadoras e traballadores do Concello de Santiago”.
Desde o Grupo Municipal Socialista reclaman explicacións claras, a asunción de responsabilidades políticas e garantías de que unha situación semellante non volverá repetirse.

Deja un comentario