Tuesday 23 de December de 2025

O Concello avanza na atención ás persoas sen fogar: aprobado o Plan de Abordaxe do Senfogarismo e presentado o regulamento do Centro de Atención de Belvís


A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe o “Plan de Abordaxe do Senfogarismo desde os Servizos Sociais Comunitarios de Compostela 2026-2030”, un documento que define seis liñas de acción estratéxicas e un total de 30 medidas concretas para diminuir o número de persoas en situación de senfogarismo, mellorar a súa calidade de vida, e favorecer a súa inclusión social. A tenenta de alcaldesa explicou que na súa aplicación “terá un papel fundamental o Centro de acollida e inclusión de Belvís que prevemos que abra as súas portas en xuño de 2026”.

A concelleira de Dereitos Sociais presentou o plan nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por Eva González, xefa de sección de Servizos Sociais; e Bea Sixto, traballadora social dos Servizos Sociais que se adica á atención ás persoas sen fogar. María Rozas explicou que o plan, que vén de ser aprobado pola Xunta de Goberno, “reforza o compromiso do Concello de Santiago coa abordaxe dun problema que é a máxima expresión da exclusión social e que amosa as costuras dun Estado do Benestar no que non todas as persoas teñen garantidos os seus dereitos fundamentais”. María Rozas incidiu en que esta estratexia “nace do convencemento de que todas as administracións públicas, tamén os concellos, teñen a obriga de desenvolver políticas públicas para favorecer a inclusión e combater a desigualdade e a estigmatización da pobreza e das persoas sen fogar”. Nese sentido, defendeu o papel clave dos Servizos Sociais Municipais, mais tamén a colaboración das entidades sociais “que son fundamentais para actuar tanto no senfogarismo como noutras situacións de exclusión e inxustiza social”

A tenenta de alcaldesa defendeu que o “Plan de Abordaxe do Senfogarismo desde os Servizos Sociais Comunitarios de Compostela 2026-2030” é un paso máis “nunha longa traxectoria na atención ás situacións de senfogarismo desde o Concello de Santiago, que tivo un punto de inflexión no ano 2017 “cando se empezaron a artellar medidas como o programa de pensións e as vivendas de saída, o equipo de atención en rúa ou o Centro Municipal de Atención Integral ás Persoas sen Fogar que será fundamental na aplicación desta estratexia”.

Seis liñas de acción e 30 medidas concretas

O “Plan de Abordaxe do Senfogarismo desde os Servizos Sociais Comunitarios de Compostela 2026-2030” incorpora 30 medidas operativas concretas divididas en seis liñas de acción: coordinación e traballo en rede; prevención do senfogarismo; concreción de dereitos; concreción da protección social e atención integral; establecemento de proxectos vitais e promoción da autonomía; e transparencia, sensibilización, e loita contra a discriminación e os delitos de odio.

No que tén que ver co primeiro eixo, o da coordinación e traballo en rede, o Plan trata de definir unha estratexia de intervención que implique aos diferentes servizos públicos e entidades de iniciativa social, para evitar duplicidade de accións e rendabilizar ao máximo a intervención profesional coas persoas sen fogar. A segunda liña de acción, a da prevención do senfogarismo, inclúe medidas para a detección dos factores de vulnerabilidade social que poden conducir ao senfogarismo e para garantir a atención ás persoas nesas situacións de risco.

O terceiro eixo de acción do Plan de Abordaxe do Senfogarismo refírese á concreción dos dereitos das persoas en situación de senfogarismo, de cara a promover a súa inclusión e participación activa na vida comunitaria. Nese sentido, defínense medidas como o acompañamento das persoas sen fogar nos seus procesos de regularización administrativa, empadronamento, regularización no sistema sanitario, inscrición no Servizo Público de Emprego ou incorporación aos itinerarios de inclusión social dos Servizos Sociais Comunitarios.

No eido da protección social e atención integral, cuarto eixo de acción do Plan, defínense as medidas necesarias para facilitarlles ás persoas sen fogar a cobertura das súas necesidades básicas por si mesmas. Entre as accións concretas incluidas nesta liña de traballo figuran algunhas que xa veñen sendo implementadas, como a dedicación en exclusiva de dúas traballadoras sociais municipais ao programa municipal de apoio á inclusión das persoas sen fogar; os convenios de colaboración con diferentes entidades sociais que traballan neste eido; o SEMUS ou as vivendas de transición. Tamén se recolle a posta en marcha do Centro municipal de acollida e transición á vida autónoma.

A quinta liña de acción da estratexia ten que ver co establecemento de proxectos vitais e promoción da autonomía das persoas sen fogar. Para iso, sinálanse medidas como a elaboración de itinerarios de inclusión social que aborden cuestións relacionadas coa saúde, a formación básica, a formación para o emprego ou a procura de vivenda. Nese sentido, formúlase a necesidade de organizar tanto actividades grupais como orientacións individualizadas. Por último, o Plan recolle unha liña estratéxica relativa á sesibilización e loita contra a discriminación e os delitos do odio, con medidas como a creación dunha comisión de seguimento sobre a intervención municipal coas persoas sen fogar, a realización de campañas informativas para dar a coñecer o traballo dos Servizos Sociais coas persoas sen fogar, ou a posta en marcha dunha campaña de sensibilización social no contorno comunitario.

Regulamento do Centro de Atención ás Persoas sen Fogar

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais explicou que, coincidindo coa aprobación do Plan de Abordaxe do Senfogarismo, desde hoxe someterase a consulta pública, antes da súa aprobación primeiro en Xunta de Goberno e despois no Pleno, a Ordenanza reguladora do Centro de acollida e inclusión para persoas sen fogar. Trátase do documento que regulará o funcionamento, organización e acceso, así como o modelo de intervención, do novo equipamento de Belvís, así como os dereitos e deberes das persoas usuarias.

O Centro permanecerá aberto as 24 horas do día e os 365 días do ano, e atendido por persoal técnico todos os días en horario de 8.00 a 22.00 horas. A valoración para o acceso será realizada polo equipo de inclusión social dos Servizos Sociais Comunitarios, e a admisión estará supeditada a que a persoa mostre disposición a participar activamente no seu itinerario de inclusión social e no seu proxecto personalizado de intervención.

O regulamento establece tres fases no proceso de admisión das persoas sen fogar: unha primeira de acollida e avaliación inicial na que se acordará tamén un periodo de adaptación; a fase de intervención e acompañamento na que se proporcionará apoio integral á persoa para mellorar o seu benestar físico, emocional e social, promovendo a súa autonomía e a redución de riscos asociados á súa situación; e unha terceira fase de inserción e autonomía, con medidas para favorecer a transición da persoa cara a unha vida autónoma, promovendo a súa integración na sociedade e reducindo a dependencia do recurso asistencial.

A duración máxima da estadía da persoa no centro será de dous anos, que se poderán prorrogar en circunstancias excepcionais, logo de valoración do persoal técnico dos Servizos Sociais Comunitarios. María Rozas avanzou que a intención do Goberno é que o Centro empece a funcionar en xuño de 2026.

Precisamente, a Xunta de Goberno aprobou onte a certificación final da obra do Centro de Atención ás Persoas sen Fogar de Belvís. Tamén quedou adxudicado o contrato para o subministro de mobiliario para o equipamento, á empresa KL-1 Mobiliario de Oficina por un importe total de 48.245,25 euros, IVE incluído.

Deja un comentario