“A súa voz non se apagou, segue presente na alma desta cidade”, destacou a alcaldesa Inés Rey nun acto emotivo, co acompañamento da familia e representantes da cultura coruñesa
O Concello da Coruña celebrou este martes un acto de homenaxe ao barítono, mestre e divulgador Antón de Santiago, cun descubrimento dunha placa conmemorativa na zona axardinada da Avenida Barrié de la Maza, xunto á Casa Sol, un espazo simbólico desde o que agora tamén se garda memoria da súa traxectoria e da súa pegada cultural na cidade.
A homenaxe, presidida pola alcaldesa Inés Rey, contou coa presenza da súa familia —as fillas Mar e María José (Teté), os netos Airela, Antón e Xune, e a súa muller Fina— así como representantes do Instituto José Cornide, o Conservatorio Superior de Música, agrupacións musicais e comparsas de Entroido.
O acto deu comezo coa interpretación de “Os teus ollos” a cargo da Coral Polifónica El Eco.
Na súa intervención, a rexedora lembrou a figura de Antón de Santiago como “unha das voces máis queridas e completas da cultura galega, capaz de levar a música, o teatro e a retranca coruñesa a todos os espazos da cidade, con entrega e autenticidade”. Destacou tamén “a súa vocación pedagóxica, o seu traballo incansable no Conservatorio e a súa capacidade para facer convivir a ópera coa festa, a memoria co humor e a Galicia coa emoción”.
A súa filla Mar tomou a palabra en nome da familia e deu paso Pablo Carballido, que recitou o poema “No bico un cantar”, de Curros Enríquez, acompañada ao violonchelo por Alicia Fuentes Núñez, cunha música composta polo propio Antón de Santiago.
A continuación, a alcaldesa e as fillas do homenaxeado descubriron a placa que, desde hoxe, lembra a súa figura nun espazo público da cidade.
A despedida do acto correu tamén a cargo da Coral El Eco, que interpretou “Xa non sei cantar”, pechando así unha cerimonia íntima e cargada de significado.
Con este acto, o Concello da Coruña quixo recoñecer publicamente a figura de Antón de Santiago como parte esencial da cultura e da memoria viva da cidade, e subliñar o compromiso coa lembranza daqueles que fixeron da súa obra un ben común.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.