Tuesday 23 de December de 2025

Recollida de sinaturas para exixir consultas de tarde no Centro de Saúde


A Laracha é o único concello de máis de 10.000 habitantes da área sanitaria da Coruña e Cee que carece deste servizo.

O BNG da Laracha deu un paso máis na súa histórica reivindicación para mellorar a atención primaria no municipio. A formación nacionalista presentou publicamente unha campaña informativa e de recollida de sinaturas para demandar que o Centro de Saúde conte, por fin, con consultas médicas en horario de tarde.
Na presentación participaron os concelleiros e membros do BNG local, acompañados polo responsable comarcal, Xosé Manuel Pose, e o deputado autonómico, Óscar Ínsua.

Unha discriminación fronte a outros concellos
Dende o BNG denuncian que A Laracha é o único concello de máis de 10.000 habitantes de toda a área sanitaria da Coruña e Cee que aínda non ofrece consultas de tarde. Así, a portavoz do BNG da Laracha, Carolina Castiñeiras declarou que “esta é unha promesa electoral incumprida polo PP local dende hai anos, e malia que o BNG levou a proposta ao Pleno xa en 2019 e presentou emendas reiteradas aos Orzamentos da Xunta (incluído este ano), a resposta do goberno sempre foi negativa alegando falta de persoal”.

Beneficios para a veciñanza: conciliación e menos agarda
A campaña, baixo o lema “Asina! para que A Laracha teña consultas de tarde”, destaca que esta medida non só é unha cuestión de xustiza, senón unha necesidade práctica por tres motivos fundamentais:
1. Conciliación laboral e familiar: Evitaría que moitas persoas teñan que pedir días de permiso ou agardar ás vacacións para poder acudir ao médico.
2. Redución das listas de agarda: Actualmente, a cita para atención primaria non adoita baixar dunha semana de espera. Máis persoal e máis horas axudarían a desconxestionar o servizo.
3. Optimización de recursos: As instalacións xa existen, só falta dotalas do persoal necesario: médicos/as, enfermeiras/os e Persoal de Servizos Xerais (PSX), para que os espazos sexan utilizados tamén polas tardes.

Recollida de sinaturas e participación
A data elixida para o lanzamento, o 23 de decembro, busca poñer o foco precisamente na dificultade de acceso á saúde: “Nestes días non lectivos é cando a veciñanza aproveita para acudir ao centro ao non poder facelo o resto do ano polas mañás”, afirman desde a organización nacionalista do concello.
O BNG fai un chamamento a toda a veciñanza para que participe coa súa sinatura e faga presión social para que a Xunta de Galicia e o Concello deixen de ignorar unha demanda que afecta directamente á calidade de vida do conxunto da veciñanza do concello.

Deja un comentario