— O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP visita en Curtis esta firma, que provee de materiais a Copasa, encargada da construción da nova sede
— Destaca o traballo de empresas galegas para contribuír a este fito da I+G+i, unha evidencia máis da Galicia Calidade en sectores complementarios
— A Xunta avanza tamén na adquisición dos equipamentos de supercomputación, cuántica e almacenamento para a futura sede do Cesga no polígono da Sionlla
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe a empresa Grupo Rodiñas, situada no concello de Curtis e encargada da elaboración das pezas prefabricadas de formigón do novo edificio do Cesga (Centro de Supercomputación de Galicia). “Coñecer de primeira man o traballo das empresas galegas é moi interesante á hora de contar cos seus servizos nun proxecto que vai supoñer un fito da nosa I+G+i”, sinalou o titular de Ciencia da Xunta durante a visita ás instalacións a cargo de Daniel Hermosilla, CEO de Rodiñas.
Esta firma galega está a realizar a estrutura prefabricada de soporte de todo o edificio e os materiais para acometer o seu peche para proveer á empresa UTE Copasa-Dominion, adxudicataria da obra. Rodiñas elabora pezas de formigón en fábrica cun deseño acorde aos retos actuais, o que permite que a calidade destas sexa máis elevada que as elaboradas en obra directamente, así como que a montaxe no terreo sexa máis rápida.
Neste sentido, o representante do Goberno galego remarcou que é “un traballo con marca Galicia Calidade, pois un bo indicador para o conxunto de Galicia é que teñamos unha empresa deste nivel tecnolóxico e que é capaz de afrontar proxectos construtivos de alta calidade e de maneira moi áxil”. Román Rodríguez tamén puxo en valor o compromiso da Xunta coa I+G+i ao construír unha nova sede do Cesga cun investimento de 56 M€, financiado con fondos europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, no marco do PERTE Chip, complementados con fondos propios. Esta nova sede, que busca posicionar a Galicia como un referente en tecnoloxías cuánticas, estase levantando no polígono da Sionlla de Santiago, localízase nunha parcela de máis de 9.100 m² dos que o edificio contará con 2.700 m² e os exteriores con 3.250 m².
Ademais, Román Rodríguez fixo fincapé no papel de empresas como Rodiñas que amosan o potencial de Galicia e a importancia de reforzar a I+G+i. “Como país, é moi positivo que teñamos firmas con capacidade de dar resposta aos desafíos do mercado actual e cun alto nivel de especialización e unha gran carga tecnolóxica”, engadiu.
Novas capacidades
A nova sede do Cesga, cuxa construción foi adxudicada por 13 M€, busca ser un referente en canto á súa funcionalidade e tamén a nivel estético, tendo en conta aspectos ambientais e de eficiencia enerxética. Para iso, instalarase un sistema de climatización óptimo e acorde coas características técnicas singulares do centro, instalacións fotovoltaicas e sistemas para a monitorización e vixilancia, entre outros.
Ademais, contará con diversos espazos como unha sala para aloxar supercomputadores, equipamento e almacenamento, diversos laboratorios e salas de experimentación, espazos para as reunións e recepción de visitantes ou almacéns, entre outras.
O proceso de construción avanza en paralelo á adquisición dos novos equipamentos tecnolóxicos dos que disporá o Cesga. Por unha banda, un novo computador cuántico, que vén de ser adxudicado a Telefónica por 9 M€ e que posibilitará novas capacidades para completar a oferta actual do centro. Por outro lado, o novo supercomputador Finisterrae IV, que proporcionará unha potencia adicional para cubrir necesidades de intelixencia artificial, e un sistema do almacenamento para albergar gran cantidade de datos de modo permanente. Estes dous últimos están actualmente en proceso de licitación coa previsión de ser adxudicados nas vindeiras semanas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.