A Consellería de Cultura e Educación e a fundación que custodia o legado do poeta ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas colaborarán en diversas actividades co fin de poñer en valor a súa figura e estudar e divulgar a súa obra
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, gabou a figura de Manuel María -a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas- porque, máis aló da súa calidade literaria e da súa prolífica obra poética, “foi un home comprometido coa cultura, coa sociedade e co idioma dun xeito absoluto”. O conselleiro fixo esta loa na terra natal do poeta, en Outeiro de Rei, onde esta mañá asinou un convenio coa Fundación Manuel María de Estudos Galegos, nun acto ao que tamén asistiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
O acordo entre as partes servirá para colaborar na actualización do pensamento e da memoria do autor chairego, así como na divulgación da súa obra. Ao abeiro deste documento, a Consellería achegará un total de 22 000 euros para levar a cabo actividades de carácter cultural e de normalización e dinamización lingüística, así como para elaborar material divulgativo sobre a súa Casa-Museo e a súa obra literaria.
Precisamente, o conselleiro subliñou a vontade de normalización lingüística desde a vangarda histórica de Manuel María, a quen definiu como “poeta popular e do pobo e home con firmes conviccións cívicas”. O responsable de Cultura do Goberno galego lembrou tamén que Manuel María foi o primeiro autor novo en publicar en galego tras a Guerra Civil, que foi un dos precursores da poesía infantil no franquismo e un dos autores máis musicados das nosas letras, polo que dedicarlle o Día das Letras Galegas é un acto de “xustiza de recoñecemento” a un dos grandes autores galegos de todos os tempos.
Actividades promovidas en colaboración coa fundación
Segundo o convenio asinado hoxe, a Fundación Manuel María encargarase de organizar as actividades de carácter cultural destinadas a divulgar a obra literaria e o perfil humano do escritor por medio de conferencias, recitais poéticos e mesas redondas, entre outras. Tamén elaborará o material divulgativo e promocional da súa Casa Museo en Outeiro de Rei, onde actualmente se deposita o legado do escritor, e o material para dar a coñecer a súa obra literaria.
A programación completarase con outras actividades dinamización do uso da lingua tales como representacións teatrais e musicais. Neste caso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística facilitará, se for preciso, o apoio e asesoramento técnico en relación con aspectos lingüísticos e terminolóxicos.
Mercé a esta colaboración, os estudosos e investigadores da obra de Manuel María poderán acceder, de balde, aos fondos documentais da fundación que leva o seu nome.
Programación complementaria da Xunta de Galicia
Doutra banda, o conselleiro avanzou que a Xunta -a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura- poñerá en marcha unha programación especial para renderlle tributo ao autor das Letras deste ano. No marco desta conmemoración, a partir do próximo mes de maio, estase coordinando tamén coa fundación o deseño e posta en marcha da exposición itinerante “Manuel María. Beleza, amor e compromiso” que percorrerá 13 localidades de Galicia desde o mes de maio. A programación das Letras Galegas 2016 da Xunta contempla tamén outras iniciativas arredor do 17 de maio como a III Carreira “Camiño das Letras” prevista para o vindeiro 15 na capital de Galicia.
Así mesmo, no web www.lingua.gal xa está dispoñible un repositorio con recursos e materias didácticos e dixitais sobre o autor homenaxeado que se irán completando de xeito paulatino e que se suman a outras actividades programadas na Rede de Dinamización Lingüística ou na Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta, entre moitas outras que se darán a coñecer de xeito pormenorizado nas vindeiras semanas.