Tuesday 23 de December de 2025

A Xunta amplía a Rede Pública de Atención Temperá coa creación de dúas novas unidades


Un destes centros estará en Culleredo e o outro dará servizo aos concellos de Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes

A Xunta de Galicia sigue estendendo por toda a comunidade a rede pública de atención temperá coa creación de dúas novas unidades que estarán operativas a principios do ano que vén. Unha destas unidades dará servizo ao concello de Culleredo e a outra estará compartida polos municipios de Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado venres, día 19, recolle a concesión de achegas para a posta en marcha destes dous novos centros, dirixidos a menores de 0 a 6 anos e que son fundamentais para previr, detectar e actuar ante problemas de desenvolvemento. Coa súa próxima entrada en funcionamento, Galicia pasará das dúas unidades que había en 2009 ás 53, que darán servizo a uns 200 concellos e a máis de 6.000 familias. Ademais, a esta rede hai que sumar os servizos de atención temperá que hai nos principais hospitais, así como os equipos de orientación específicos de Educación.

Por outra banda, o Goberno galego traballa na redacción dunha orde para a acreditación das unidades de atención temperá, coa finalidade de que todas elas conten cuns requisitos de calidade comúns. Tamén se actualizará o Protocolo autonómico de intervención, coordinación e derivación, que está vixente desde hai dez anos. Esta renovación farase en consenso coas entidades, concellos, colexios profesionais e familias, e ten como obxectivo promover a mellora continua dos servizos para dar resposta aos novos retos que xurdan.

Así mesmo, a Xunta prevé abrir o vindeiro ano o que será o primeiro servizo de atención temperá e postemperá da comunidade, ao que poderán acudir nenas e nenos de 0 a 12 anos. Estará emprazado no edificio Gota de Leite de Vigo.

Deja un comentario