Tuesday 23 de December de 2025

O Xeodestino Terras de Santiago pon en marcha un canal turístico de televisión para promover os 11 concellos


O Xeodestino Terras de Santiago avanza nos obxectivos de dixitalización recollidos no seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) e implementa un canal turístico de televisión por IP, que xa está dispoñible en casas consistoriais, oficinas de turismo e locais de equipamento público do xeodestino. Este canal ofrece información sobre os servizos e axenda de actividades dos once concellos que integran o xeodestino Terras de Santiago: Ames, A Baña, Boqueixón, Brión, Negreira, Padrón, Rois, Santa Comba, Teo, Val do Dubra e Vedra.

“Os expositores fixéronse á medida de cada espazo, non son unha peza estándar senón personalizada”, resalta José Antonio Marcote, voceiro da entidade, que indica que “algúns están feitos con paneis sólidos, outros contan cun soporte enganchado ao chan e, cando a televisión dá ao exterior, fíxose con vinilo, o que complicou un pouco a instalación pero que tamén lle dá máis valor ao resultado final”.

Esta iniciativa é froito dun convenio de colaboración asinado o pasado mes de xullo entre o Xeodestino e os Concellos polo cal Terras de Santiago comprometeuse a dotar aos municipios das pantallas e do equipamento necesario para poñer en marcha o sistema; mentres que os municipios comprometéronse a achegar toda a información precisa para que se difunda de forma axeitada.

Estas televisións emiten de forma continuada información sobre os distintos atractivos do Xeodestino Terras de Santiago, cun atractivo sistema de carátulas diferenciadoras que proporcionarán unha información sinxela, útil e directa. Canda esa información, tanto o visitante como as persoas residentes teñen acceso a todas as actividades lúdicas, culturais e sociais que se desenvolvan no xeodestino, algo que beneficiará directamente a todo o sector turístico da contorna (aloxamentos, restaurantes, empresas de actividades turísticas…).

Deja un comentario