Papá Noel visitará este martes a localidade de Neda para saudar á rapazada da localidade, e recoller as últimas cartas. A cabalgata percorrerá as distintas parroquias, con breves paradas en distintos puntos do municipio para encontrarse cos nenos e nenas e convidalos á tradicional recepción, prevista para media tarde.
Segundo o programa oficial, Papá Noel iniciará o percorrido tras a hora do xantar, e fará unha primeira parada duns minutos no cruce do Roxal, ás 15:30 horas, para que a xente miúda que estea esperando poida saudar, e facer unha foto xunto á carroza. Despois seguirá camiño, facendo paradas similares noutros cinco lugares.
Así, está previsto que pare ás 16 horas xunto ao local social de Viladonelle (en caso de chuvia, o encontro será no interior); ás 16:30 na contorna do centro social de Anca (se chove, dentro); ás 17 horas na zona de Albarón, xusto diante do centro de saúde da vila; á ponte de Xuvia, na zona na que comeza o paseo marítimo, chegará ás 17:30 h; e achegarase ata as inmediacións da casilla do Puntal ás 18:00 h (con chuvia, a quedada farase no interior).
O percorrido finalizará na Casa das palmeiras, onde terá lugar, a partir das 18:30 horas, a tradicional recepción, na que os nenos e nenas poderán entregar a Papá Noel as cartas que foron escribindo, comentarlle últimas peticións de agasallos, ou recordarlle aquel regalo que non pode esquecer. Ademais haberá tempo de degustar un chocolate con churros ben quentiño.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.