— A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe autonómico e na documentación avaliada
— A iniciativa promovida por Inditex Renovables ten por obxecto a execución dun parque eólico de 19,8 megavatios de potencia total composto por tres aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada así como a liña de evacuación, que irá soterrada
A Xunta ditou declaración de impacto ambiental (DIA) favorable o proxecto de parque eólico no porto exterior de Punta Langosteira, no concello de Arteixo, condicionada, en todo caso, a que se cumpran tanto o recollido no estudo de impacto ambiental e no resto da documentación avaliada, como os condicionantes e o programa de vixilancia que figuran na presente DIA.
Así consta na resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia que conclúe que, tendo en conta todo o anterior, esta iniciativa empresarial, promovida por Inditex Renovables SLU, é ambientalmente viable.
Neste sentido, a DIA foi elaborada no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria do proxecto, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, cun resultado de doce organismos consultados e a presentación de distintas alegacións.
Froito das consultas realizadas, os informes emitidos realizaron a valoración correspondente e estableceron unha serie de condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, todos os organismos consultados consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera; das augas e leitos fluviais; do solo e infraestruturas; da fauna, vexetación e hábitats naturais; xestión de residuos e integración paisaxística e restauración, entre outros.
Unha vez emitida esta declaración, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e dáselle publicidade a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería.
O proxecto promovido por Inditex Renovables ten por obxecto a execución dun parque eólico de 19,8 megavatios (MW) de potencia total no concello de Arteixo composto por tres aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada -vieiros de acceso e servizo, plataformas de montaxe dos aeroxeradores, gabias de cableado, ampliación da subestación eléctrica transformadora e unha torre meteorolóxica- así como a liña de evacuación da electricidade, que irá soterrada.
A ampliación da subestación existente busca permitir a evacuación da enerxía xerada no parque eólico e a súa conexión á rede de distribución da zona así como posibilitar a subministración ás instalacións do complexo que Inditex ten en Arteixo.
A superficie de ocupación total das plataformas de montaxe dos tres aeroxeradores ascende a algo máis de 19.700 metros cadrados, dos que máis de 1.300 serán de ocupación temporal durante a fase de obras.
Importancia da declaración de impacto ambiental
Cómpre lembrar que o obxectivo dunha DIA é avaliar a integración dos aspectos ambientais de cada proxecto e determinar as condicións que deben establecerse para a adecuada protección do territorio e dos recursos naturais tanto durante a execución e explotación como no cese ou desmantelamento das distintas iniciativas.
De feito, calquera proxecto industrial ten un impacto no territorio, pero os seus efectos non poden ser significativos, polo que a DIA é o instrumento encargado de determinar como e de que xeito se poden minimizar, compensar ou mesmo restaurar as zonas afectadas pola súa posta en marcha e durante o seu funcionamento futuro.
Estamos ante un trámite do máis exixente como demostra o feito de que a maioría das declaracións ambientais favorables emitidas pola Xunta inclúen condicionantes xerais e particulares así como un plan de vixilancia que é de aplicación ao proxecto e cuxo seguimento corresponde ao órgano substantivo.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.