Tuesday 23 de December de 2025

Jorge García Anta e Fernando Eiroa Lorenzo, do estudo LCG Arquitectura, deseñarán o edificio para entidades sociais


O concurso convocado polo Concello de Carballo en colaboración do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) para o deseño do edificio para entidades sociais xa ten gañadores. O xurado, integrado por representantes do Concello, o COAG e a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, escolleu a proposta presentada por Jorge García Anta e Fernando Eiroa Lorenzo, do estudo coruñés LCG Arquitectura, por considerar que integra a solución máis “atractiva, sustentable e cunha funcionalidade destacable”.

En concreto, o xurado valorou de xeito especial a proposta para o centro de día, situado en planta baixa e con acceso directo desde a praza, así como a boa relación do edificio co espazo público. Outro aspecto positivo é que o deseño inclúe todos os usos previstos sen esgotar a edificabilidade e facilita, ademais, a execución do proxecto en dúas fases.

O estudo gañador será o adxudicatario do contrato de servizos para a redacción do proxecto e a dirección de obra por un importe de 205.880 euros, dos cales recibirá a conta os 9.680 euros establecidos para o primeiro premio. O segundo premio, cunha contía de 7.260 euros, foi para Tomás Montis Sastre (Palma de Mallorca), e o terceiro e o cuarto, dotados con 4.840 euros, corresponderon aos equipos formados por David Serrano Amatriain, Maier Vélez Olabarría (MID Estudio de Pamplona) e como colaborador o arquitecto corués Roi Salgueiro Barrio, e por Manuel Fernández Catalina e Jesús de los Ojos Moral (OA Estudio de Valladolid), respectivamente. En total presentáronse 37 ideas.

Deja un comentario