Tuesday 23 de December de 2025

O Concello e Congalsa sortearán unha viaxe a Eurodisney entre a clientela do comercio local


· Os clientes que fagan as súas compras nos locais adheridos recibirán un pasaporte que deberán cubrir con dez selos para entrar no sorteo da viaxe.

A Concellería de Promoción Económica e a empresa Congalsa volverán levar a catro persoas a Eurodisney. Trátase dunha iniciativa que leva en marcha desde hai xa varios anos e que, nesta ocasión, volve cunha novidade: a diferenza do ano pasado, cando o sorteo se realizou entre as persoas participantes nas redes sociais, agora contarase coa implicación do comercio local. Así, o galardón rifarase entre a clientela que conte no seu Pasaporte Eurodisney con dez selos dos negocios adheridos á campaña de Promoción Económica.

A concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo, e a responsable de Relacións Institucionais de Congalsa, Isabel Cañas, deron a coñecer, esta mañá, os detalles da proposta.

Entre o luns, 29 de decembro, e o luns, 5 de xaneiro (incluído), os clientes que fagan as súas compras nos locais adheridos na campaña Volta o Nadal, voltan as Caramiñas recibirán un pasaporte de participación. Para entrar no sorteo deberán cubrir os dez ocos deste pasaporte, recibindo un selo por un consumo mínimo de 10 euros. Unha vez selados e cubertos (co nome completo e teléfono de contacto da persoa participante), os pasaportes terán que depositarse nas urnas dos establecementos adheridos. En canto ao sorteo, este realizarase o mércores, día 7, na praza de abastos.

Durante a súa intervención, Cerecedo apuntou que esta actividade busca “continuar impulsando as compras nos comercios locais durante as festas do Nadal” e agradeceu a colaboración de Congalsa, que asume o financiamento.

A persoa que resulte gañadora poderá gozar dunha viaxe a media pensión a Disneyland París para catro persoas.

Deja un comentario