O proxecto A Fusquenlla vén de pechar o calendario anual de actividades celebrando na Casa da Cultura de San Sadurniño unha nova sesión formativa de actualización sobre seguridade alimentaria, que foi seguida dun encontro do grupo de persoas usuarias para facer balance de 2025 e comezar a deseñar o 2026. O centro de transformación alimentaria pecha este ano cun balance moi positivo: unhas 40 persoas utilizaron de maneira regular as instalacións de Moeche, de onde saíron preto de 8.000 envases de conservas, zume de mazá, marmeladas e outras delicias de horta e froita. No ano que entra está previsto un novo curso xa a finais de xaneiro para formar a 20 novas usuarias e usuarios principais, que poderán integrarse no grupo que cada vez está ganando máis peso na xestión do espazo. Neste sentido, tal e como se falou no encontro de hai uns días, o colectivo constituirase en asociación de cara a contar cunha estrutura organizativa propia.
A sesión formativa impartida por persoal de ALSERCO, empresa especializada no deseño e fabricación de equipamento para industria agroalimentaria, estivo centrada na actualización do sistema de autocontrol e nos cambios introducidos trala incorporación de nova maquinaria ao obrador da Fusquenlla. A formación abordou tanto a adaptación da Análise dos Puntos de Control Críticos (APPCC) como dos plans de requisitos previos, co obxectivo de garantir que o uso das instalacións continúe atendendo aos máximos estándares de seguridade e calidade alimentaria
Durante a xornada repasáronse contidos clave como a introdución ao sistema de autocontrol que debe seguirse en calquera empresa alimentaria, a importancia da hixiene e boas prácticas previas -limpeza, control de pragas, estado da auga, formación do persoal, trazabilidade, etc.- de cara á aplicación dunha APPCC que se ocupe dos riscos específicos do proceso e do produto. Esta actualización resulta especialmente relevante nun centro como A Fusquenlla, que combina unha elevada rotación de persoas usuarias cun uso compartido da maquinaria.
8.000 elaboracións neste 2025
Aproveitando esta sesión, o grupo de usuarios e usuarias mantivo tamén unha xuntanza para avaliar o funcionamento do centro ao longo de 2025. Un ano no que arredor de 40 persoas empregaron de maneira regular as instalacións situadas no recinto de Moeche, das que saíron preto de 8.000 envases de diferentes elaboracións: 3.600 de zume de mazá e outros 4.400 correspondentes a marmeladas, conservas e outras delicatessen de horta e froita, tanto para autoconsumo como para comercio de proximidade.
No encontro puxéronse sobre a mesa os retos de futuro e a vontade de avanzar cara a unha maior autoxestión do servizo por parte das propias persoas usuarias, un modelo que conta co respaldo dos sete concellos que actualmente integran a iniciativa e que aspira a seguir medrando coa incorporación de novas entidades locais.
Próximo curso para formar a máis persoas usuarias
Outra das cuestións centrais foi a posta en marcha dunha canle interna de información por Whatsapp e a planificación da actividade formativa para 2026. A Fusquenlla prevé organizar a finais de xaneiro un novo curso de arredor de 39 horas dirixido a 20 persoas, co obxectivo de capacitalas como usuarias principais do centro. Trátase dunha formación moi demandada, como demostra a existencia dunha lista de agarda de preto de 80 persoas interesadas en facer este curso básico, que é imprescindible para poder acceder ao obradoiro.
O programa combinará contidos impartidos por empresas especializadas —como formación técnica en procesos de esterilización con autoclave ou prevención de riscos laborais— con sesións prácticas sobre o funcionamento interno do centro, o manexo e limpeza da maquinaria, a elaboración de produtos de horta e froita e o coñecemento dos protocolos sanitarios e organizativos que xa se están aplicando na Fusquenlla. Ademais, está prevista unha formación complementaria para a denominada “persoa acompañante”, que é unha figura recollida no regulamento do centro de transformación para ofrecer apoio en tarefas auxiliares.
Colaboración provincial
Todas estas accións insírense nun proxecto que conta co apoio da Deputación da Coruña. A Fusquenlla forma parte da rede Coworking PEL e, ademais, o ente provincial leva varios exercicios colaborando economicamente na adquisición de equipamento e noutros aspectos, como por exemplo na difusión dos produtos e do propio proxecto en feiras sectoriais e outros foros.
De cara ao ano que entra, os municipios promotores -que de momento son Cedeira, Cerdido, Moeche, Narón, San Sadurniño, As Pontes e Valdoviño- téñenlle solicitada á Deputación unha nova achega para formación, asesoramento, acompañamento técnico especializado e mantemento das instalacións dun servizo público e compartido que xa se consolidou como referente para a transformación alimentaria de proximidade na nosa comarca.
A elaboración e difusión desta información conta con financiamento da Deputación da Coruña.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.