· A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e o concelleiro de Mocidade, Eloy Sobrido, anunciaron o programa, co que se busca “ofrecer á veciñanza unha alternativa de lecer para despedir o ano, sen ter necesidade de desprazarse”.
A Pobra despedirá o ano e daralle a benvida ao 2026 por todo o alto. As Concellerías de Cultura e Mocidade volverán sumar esforzos para ofrecer un programa completo de actividades no que haberá badaladas, animación, discoteca móbil e cotillón. Os edís das áreas, Patricia Lojo e Eloy Sobrido, presentaron esta mañá a programación coa que se busca “que os veciños e veciñas conten cunha oferta de lecer para despedir o ano na Pobra, sen necesidade de ter que desprazarse”.
O programa arrincará o mércores, 31 de decembro, ás 11.30 horas diante do Concello. Nese momento, levarase a cabo a entrega de uvas e cotillón ao público asistente e, ás 11.45 horas, terán lugar as prebadaladas a cargo de Mariló Ríos, da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Caramiñas. Ademais de formar parte da entidade, esta veciña da Pobra é cantareira e ten unha gran destreza en disciplinas artísticas como o baile, o teatro e a poesía. Ás 12.00 horas terán lugar as badaladas e, ás 12.15 horas, haberá unha animación polas rúas do municipio a cargo de Festicultores Troupe.
A cita non concluirá aí, senón que se reanudará á 1.00 horas do xoves, 1 de xaneiro, na praza Alcalde Segundo Durán cunha festa de fin de ano con discoteca móbil e cotillón.
Os concelleiros sinalan que a Festa de Aninovo é “xa unha actividade consolidada na programación anual”, polo que confían cifras de asistencia similares ás das edicións anteriores.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.