Monday 22 de December de 2025

Ribeira inicia a impartición da terceira edición do Programa Integrado de Emprego


 Un cento de persoas desempregadas participan nesta medida

Concello de Ribeira inicia a fase de impartición da terceira edición do seu Programa Integrado de Emprego, subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal. Nesta medida en materia de empregabilidade participan un cento de persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego e residentes nos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Porto do Son, cun compromiso de inserción laboral do 45%.

A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Carmen Pérez, achegouse ata o Viveiro de Empresas para comprobar o desenvolvemento das sesións. “Trátase dunha medida que ten un compromiso de inserción laboral do 45%. A través da formación buscamos capacitar a unha parte da cidadanía para a súa inserción no mundo laboral en nichos de mercado con necesidade de  traballadores. Un instrumento que busca mellorar a empregabilidade de persoas desempregadas non só do noso municipio, senón que tamén doutros da nosa contorna máis próxima”, en palabras da edil.

Público beneficiario do Programa Integrado de Emprego

Neste instrumento de empregabilidade participan persoas desempregadas con discapacidade; mulleres desempregadas;  persoas desempregadas de longa duración; inmigrantes; en risco de exclusión social; beneficiarias do tramo de inserción da renda de exclusión social de Galicia; mulleres vítimas de violencia de xénero; maiores de 52 anos; menores de 30 anos; perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción (RAI); ou persoas desempregadas non incluídas en ningún dos grupos anteriores. Todas elas inscritas como demandantes de emprego.

As persoas participantes perciben unha axuda consistente en 10 euros por día de asistencia ás accións presenciais do programa, mentres que, na modalidade en liña, divídese o número de horas da formación entre cinco para calcular o número de días con dereito a bolsa. Ademais, a Administración local ofrece medidas de conciliación para favorecer a concorrencia segundo as necesidades.

Formación para o emprego

Durante doce meses, as persoas participantes recibirán orientación, formación e intermediación laboral baseada nunha metodoloxía que combina a parte expositiva coas dinámicas de grupo, buscando adaptarse ás necesidades e utilizando as novas tecnoloxías para favorecer a comunicación e a conciliación, así como o desenvolvemento de habilidades para a busca de emprego como, por exemplo, o uso de Internet, o rexistro en portais de emprego, a descarga de aplicacións e a aproximación ás redes sociais profesionais.

A formación ofertada é variada con cursos de técnicas de mobilización de enfermos; aplicación de fundamentos básicos en cociña; acompañante en transporte escolar; operacións básicas de caixa; uso de aplicacións móbiles no ámbito laboral; utilización de recursos dixitais; ofimática; técnicas administrativas; organización de almacén; manexo de carretillas elevadoras; mantemento de zonas verdes; seguridade e hixiene na industria alimentaria; ou cociña colectiva, entre outras materias.

Outra das accións a destacar do programa son as prácticas profesionais non laborais a través da mediación coas empresas das orientadoras laborais, este tipo de acción ten como obxectivo o coñecemento por parte das empresas de perfís profesionais adecuados a futuras ofertas e por parte das persoas participantes poder darse a coñecer en empresas do seu interese.

En canto ás accións individuais, levaranse a cabo sesións de información, asesoramento e acompañamento laboral; obradoiros de coaching para a busca de emprego, comunicación e habilidades sociais; elaboración do currículo, preparación de entrevistas; prospección laboral e prácticas profesionais non laborais nalgunha das empresas colaboradoras, servindo como ponte de cara a futuras contratacións.

Tamén se terá en conta a formación transversal en informática, igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, técnicas de coaching emocional, formas de busca de emprego ou fomento da capacidade emprendedora.

O Programa Integrado de Emprego 2025-2026 está promovido polo Concello de Ribeira e subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal.

Deja un comentario