— Tras chegar entre o 25 de novembro e o 19 de decembro tanto a pequenos e pequenas como a alumnado maior de idade, a iniciativa continuará no marco das actividades de conciliación organizadas a partir de mañá por concellos e entidades sen ánimo de lucro
— Por provincias, ata o venres pasado visitáronse 18 centros na provincia de Pontevedra, 10 na da Coruña, 6 na de Lugo e 4 na de Ourense, cun total de 75 accións
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración —a través da Escola Galega de Consumo adscrita ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia— vén de pechar o seu programa Infonadal 2025 nos centros educativos, para dar paso a partir de mañá á etapa da iniciativa no marco das actividades de conciliación e ocio organizadas por concellos e entidades sen ánimo de lucro co gallo destas datas festivas. En concreto, máis de 3.300 alumnos e alumnas recibiron nocións sobre consumo responsable e sobre dereitos básicos das persoas consumidoras en preto de 40 centros educativos de toda Galicia. Deles, 18 son da provincia de Pontevedra, 10 da Coruña, 6 de Lugo e 4 de Ourense
O programa Infonadal nos centros desenvolveuse, en concreto, entre o 25 de novembro e o 19 de decembro, promovendo un total de 75 actividades para todas as idades, incluídos xogos para aprender dunha maneira lúdica distintos aspectos relacionados co consumo responsable a través da posta en valor da etiquetaxe ou dos mecanismos de control da seguridade de produtos como os xoguetes.
Estas accións encádranse no labor de impulso, apoio e asesoramento que leva a cabo a Escola Galega de Consumo a través de accións de educación e formación como cursos, obradoiros, conferencias, publicacións e estudos. Nese senso, cómpre destacar que este organismo forma unhas 20.000 persoas de todas as idades cada ano, con preto de 700 actuacións.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.