Gumersindo Guinarte levou ao pleno as demandas da veciñanza de Ultreia pola falta de seguridade neste paso de peóns especialmente perigoso e moi utilizado pola rapazada.
O Grupo Municipal Socialista conseguiu no pleno municipal do pasado xoves, tras presentar un rogo que recollía as preocupacións da veciñanza, o compromiso do goberno de Goretti Sanmartín para mellorar a seguridade viaria no paso de peóns da avenida Xoán XXIII que comunica a Praza de Ultreia co parque de Alexandre Bóveda e Fermín Bouza Brey.
O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, explicou: “falamos dun punto perigoso nun tramo con curva e pendente, utilizado a diario por nenos e nenas”.
Este paso de peóns, que non está sobreelevado, é o máis empregado pola rapazada para acceder ao parque, nun treito con moita pendente e, ademais, nas proximidades dunha curva, o que incrementa claramente o risco e a inseguridade.
“Levamos ao pleno a preocupación dos vecinos e vecinas porque este paso non ten o mesmo tratamento ca outros da propia avenida Xoan XXIII”, sinalou Guinarte.
O Grupo Municipal Socialista valora positivamente o compromiso acadado, pero lembra: “Non abondan as palabras. Santiago precisa medidas reais e urxentes para frear os accidentes e garantir a seguridade das persoas”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.